A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo: “presentamos hoxe unha nova edición do Festival de Jazz &Blues de Ribadeo, que se vai desenvolver do 25 de novembro ao 11 de decembro cun amplo abano de actividades”.
A edil ribadense explicou que “teremos unha exposición retrospectiva destes anos do Festival, haberá un taller de canto, gastronomía e jazz (Jazztronomía) na carpa que estará situada no parque de San Francisco, haberá tres ceas concerto e seis concertos con grupos procedentes de Asturias, País Vasco, Cantabria, Cuba, USA e Francia”.
Para Otero Cabarcos: “o Festival de Jazz & Blues de Ribadeo é xa unha cita consolidada na nosa vila, polo que animamos á veciñanza de toda a contorna a achegarse a gozar da boa música que nos ofrecerán os grupos participantes, desa combinación de gastronomía e música no parque e das veladas nas que será posible saborear interesantes propostas culinarias que estarán aderezadas polo jazz. Recordámosvos que o acto de apertura do festival terá lugar o venres, 25 de novembro, ás 20:30 na oficina de Turismo do Concello de Ribadeo coa inauguración da exposición que leva por título Dez anos de festival”.
A deputada provincial responsable da Área de Medio Rural e do Mar, Mónica Freire, indicou que “a iniciativa conta co apoio da Área de Medio Rural e do Mar da Deputación, que impulsa o espazo Jazztronomía, convertendo o Festival nun escaparate para a promoción de alimentos de producións agrogandeiras e obradoiros alimentarios da provincia”.
Freire Rancaño contou que “os días 3 e 4 de decembro instalarase no Parque de San Francisco un espazo gastronómico no que se realizarán demostracións de cociña e degustacións con produtos que se comercializan a través da plataforma de venda en liña Son de Lugo impulsada pola área de Medio Rural, que integra pequenas firmas alimentarias de todas as comarcas”.
A deputada Mónica Freire manifestou que “desde a Área de Medio Rural vimos traballando nestes anos en diferentes fórmulas para poñer en valor os produtos que elaboran gandeiros e agricultores e cremos que o Festival de Jazz & Blues nos ofrece a oportunidade de afondar nesa labor dun xeito orixinal e moi propicio para que se valore a calidade dos produtos”.
E engadiu que “as sesións gastronómicas serán coordinadas polo viveirense Lucas Requejo, especialista na divulgación de hábitos de consumo e produción saudables e sostibles, que maridará os mellores atributos musicais do festival cos valores culinarios dos produtos lucenses”.
No acto de presentación no Concello ribadense participaron ademais de Mónica Freire e Pilar Otero, o alcalde, Fernando Suárez, e Fernando Martínez, representante da organización. A información sobre o evento e a venda de entradas e abonos pode realizarse na web www.gameoverpro.es
Presentación na Xunta en Lugo
A Delegación Territorial de Lugo acolleu hoxe a presentación dunha nova edición do Festival de Jazz e Blues de Ribadeo que conta co apoio da Xunta a través de Turismo de Galicia. No acto participaron o delegado territorial, Javier Arias, e o xornalista Paco Nieto en representación dos organizadores.
Arias subliñou a calidade do festival e explicou que o Goberno galego patrocina a actuación da artista que é cabeza de cartel, Gisele Jackson coa banda The Shu Shu´s, unha figura de talla internacional que recalará no auditorio municipal Hernán Naval o 9 de decembro ás 20,30 horas.
Tamén actuarán Los Deltonos, o Trío Mejunje, Pablo Castanho e Marcos Pin Jazz Orchestra, Noa Lur co espectáculo infantil Jazz for children, Red Beans & The Pepper Sauce, Matabuena Trío, Pablo Sanmamed Trío e Carmen Rey.