Ribadeo, 4 de novembro de 2022. Do 4 ao 6 de novembro terá lugar en Ribadeo a XIX Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, contou que “as tres representacións das que poderemos disfrutar serán ás oito da tarde no Teatro. E as entradas poderán mercarse ao prezo de 3 euros alí mesmo na billeteira”.
A edil ribadense explicou que “a décimo novena edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón arrinca este venres, 4 de novembro, con Avelaíña Teatro, de Vigo, que porá en escena A Lola. Seguiremos o sábado, día 5, cun grupo de aquí ao lado. Lume Escénico, de A Pontenova, que representará Albergue Casa Amarelo. E xa o domingo desde Ferrol chegará Opaí Teatro con De marzo a marzo”.
Otero Cabarcos anima “ás persoas amantes do teatro a achegarse ata Ribadeo estes días para gozar desta cita. Ten moito mérito que sigan existindo grupos de persoas dispostas a compartir o seu tempo libre apostando pola cultura, que contan con poucos apoios, pero que a pesares de todo seguen aí. Cousa que desde o Concello de Ribadeo agradecemos, xa que van 19 anos desta Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. E agardamos seguir moitos mais”.