Ribadeo, 11 de novembro de 2022. As obras do carril bici están na recta final polo que estes días hai despregada moita maquinaria na estrada do Faro e en camiños municipais de Vilaselán. O alcalde, Fernando Suárez, pide comprensión polas molestias que se ocasionen.
O rexedor anunciou que “están na recta final as obras de creación deste carril bici tan importante para Ribadeo. Onte, hoxe e para a semana que vén estará despregada unha grande cantidade de maquinaria na Estrada do Faro e en varios camiños municipais da parroquia de Vilaselán polo que seguramente poida haber problemas de mobilidade e de acceso a varios puntos da vila. É por isto que queremos advertir ao tempo que pedir comprensión durante estes momentos intensos de traballo porque estamos seguros de que o resultado deste esforzo vai ser de moito agrado para toda a veciñanza”.
Fernando Suárez explicou que “con este ambicioso proxecto de arranxo do firme da estrada que vai ao Faro quixemos aproveitar para facer un circuíto de carril bici para o uso e desfrute da cidadanía en todos os segmentos de idade. Debemos lembrar tamén que esta nova ruta vai partir desde a Praia dos Bloques, discorrendo polo Paseo Marítimo, por Porcillán, subirá até enlazar coa estrada ao Faro e completarase esta ruta circular polos camiños de Campoxurado, en Vilaselán, até o encontro coa estrada provincial”.
O rexedor municipal ribadense lembrou que “houbo moito traballo neste proxecto, moitos problemas, posto que nos meses anteriores tivemos que chegar a rescindir o contrato coa empresa que o levaba por incumprimento das cláusulas. Tivemos que volver licitalo e agora, con esta nova empresa, estamos a traballar coordinadamente para poder rematar as obras en prazo e xustificalas diante da Deputación de Lugo, que nolas cofinancia nun 78 por cento dos 320.000 euros aos que ascende o proxecto”.