Propón utilizar os orzamentos para reforzar o sistema sanitario público cun plan de 200 M€ para a Atención Primaria e outro de 50 M€ para especialistas
Santiago de Compostela, 16 novembro 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou que os recortes do Goberno do PP nos últimos 13 anos “están poñendo en risco a saúde dos galegos e das galegas” ao situar en situación de colapso o sistema sanitario galego “con decisións que claramente están debilitando a sanidade pública para beneficiar á privada”.
Así o afirmou en Monforte, onde o BNG participou nunha concentración simbólica en defensa dos servizos de sanidade públicos nesa comarca que, segundo sinalou, sofre ao igual que o conxunto do País as consecuencias das políticas sanitarias do PP.
“Nos últimos 13 anos a Atención Primaria viu como se lle quitaban 2.000 millóns de euros, que non se investiron nela, como se recortaba en persoal, con taxas de reposición que claramente debilitaron o noso sistema público, e como se precarizaban tamén as condicións laborais das e dos profesionais”, incidiu para explicar as listas de espera para acudir ao médico ou médica de cabeceira, o recorte de pediatras ou o déficit de persoal nos hospitais, tal e como acontece no hospital comarcal de Monforte.
Pontón fixo un chamamento ao PP para que, no marco do próximo debate orzamentario, “se descabalgue da soberbia e teña disposición para negociar máis recursos para a sanidade pública”. Neste sentido, recordou as alternativas que o BNG pon enriba da mesa e entre as que citou un plan de 200 millóns de euros para reforzar a Atención Primaria e outro de 50 millóns para crear novas especialidades, por exemplo, en saúde mental, ámbito que concentra o 30% das consultas na Primaria.
Ao seu xuízo, son dúas medidas “que se poden levar adiante se hai vontade política, pero o problema que temos é que o PP está convertido nun partido que quere demoler a sanidade pública deste País”, polo que recalcou en que o Bloque vai seguir “defendendo con unllas e dentes a sanidade pública e reclamando solucións”.
Nesta liña, referiuse á situación concreta que vive a comarca de Lugo Sur, cun deterioro evidente na atención sanitaria, e á do hospital comarcal de Monforte, onde mantivo unha reunión coa súa xunta de persoal e no que as listas de espera subiron dende a pandemia un 35% para as e os pacientes que están esperando unha operación e un 50% para as persoas que están agardando cita co seu especialista.
A líder nacionalista avanzou que o Bloque vai seguir reclamando que se cubran todas as vacantes en toda a área sanitaria e todas as prazas especialistas neste hospital comarcal que, a día de hoxe, non pode prestar moitos dos servizos que tiña antes, tendo que derivarse consultas a Lugo ou proximamente ao Barco de Valdeorras.
“Todo isto provoca que en vez de ter unha atención sanitaria máis próxima, o que fai o PP é alonxar máis á cidadanía da atención sanitaria e isto non se pode permitir”, alegou para reclamar solucións ao Goberno do PP “porque é evidente que temos un problema grave que non pode repercutir na saúde da xente”, concluíu.