Site icon Crónica3.com A Mariña

Paula Jorge protagonista dun encontro Modelo Burela

Burela, 29 de novembro, 2022. Carme e Sara acaban de iniciar a etapa do ensino secundario. Están en 1º de ESO. Neste curso comezaron un programa de aprendizaxe-servizo e todas as semanas participan na realización do programa radiofónico Proxecto Neo.

Hai uns días estiveron de aniversario e a responsable de comunicación do programa, a fotógrafa Lucía Rivas, pensou en celebralo ao grande: xestionándolles unha entrevista coa comunicadora audiovisual Paula Jorge. Nese día sinalado a colaboradora do programa Land Rober da TVG non podía atender a chamada, mais prestouse a participar presencialmente noutra ocasión porque o seu desexo era tamén cumprir a ilusión das novas comunicadoras.

Ese momento máxico está previsto para mañá, mércores -día da emisión do programa-, ás 11:30 da mañá durante o desenvolvemento dunha clase normal, que será moi especial. A previsión é que unha das aula do IES Perdouro se transforme en estudio de radio e que os estudantes poidan asistir en directo á gravación dunha parte do programa. Finalizada a entrevista, Paula Jorge poderá compartir un momento de tertulia no mesmo lugar en que ela realizou a etapa do Ensino Secundario Obrigatorio.

Exit mobile version