Site icon Crónica3.com A Mariña

Os deputados lucenses do PP trasladaron o seu apoio ao sector pesqueiro lucense nunha reunión coa Cofradía de Pescadores de Celeiro

Os representantes do PP lucense tamén fixeron entrega das sinaturas recollidas polo Grupo Popular no Congreso en apoio ao manifesto en defensa do sector e contra a prohibición da pesca de fondo

Lugo, 5 de novembro de 2022. O PP da provincia de Lugo traslada o seu apoio ao sector pesqueiro lucense que se está a ver moi afectado polo vento á pesca de fondo por parte da Comisión Europea en 87 áreas do Atlántico nororiental. Nese sentido, os populares urxen ao Goberno de Pedro Sánchez a presentar canto antes o recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea “recollendo as aportacións do sector e das Comunidades Autónomas afectadas para enriquecer e fortalecer os seus argumentos”.

Os deputados no Congreso Jaime De Olano e Joaquín García Díez mantiveron unha reunión con representantes da Cofradía de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro e varios barcos pesqueiros para coñecer como están a afectar ao sector estas primeiras semanas de veto trala que puideron constatar que “se ve moi prexudicado o palangre de fondo que, incomprensiblemente, foi incluído nesta prohibición”.

Así mesmo, fixeron entrega das sinaturas recollidas entre os deputados do Grupo Parlamentario do Congreso -entre as que se atopa a da portavoz e secretaria xeral do Partido Popular, Cuca Gamarra- en apoio ao Manifesto pola pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas e o rexeitamento a medidas como a prohibición da pesca de fondo.

O deputado lucense e portavoz de Pesca do Grupo Popular no Congreso, Joaquín García Díez, explicou que pediron a comparecencia no Congreso de forma urxente do Ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación para explicar as súas actuacións para reverter esta prohibición pero que “aínda non o fixo”. Así mesmo, trasladou a súa preocupación porque, “a menos de 15 días para que expire o prazo legal par presentar o recurso, non se coñecen os fundamentos xurídicos, nin técnicos nin científicos nos que basear o recurso. É incomprensible que o Ministro non presentara aínda o recurso e que non explicara previamente en que se argumenta”. Nese sentido, explicou que “a Xunta e o propio sector xa lle fixeron chegar aportacións moi importantes”.

De Olano e García Díez solidarizáronse coa situación do sector pesqueiro que “tampouco sabe se o Goberno de Sánchez vai pedir a moratoria ou non” e comprometéronse a trasladar ao Congreso as propostas do sector pesqueiro lucense; tamén sobre a nova Ley de Pesca Sostenible.

NOVA LEY DE PESCA SOSTENIBLE
García Díez tamén lles explicou como se atopa neste momento a tramitación parlamentaria no Congreso da nova Ley de Pesca Sostenible para a que xa se constituíu a ponencia despois de rematar o período de presentación de emendas. Nese sentido, o deputado aclarou que “o Grupo Popular presentou unha batería de emendas” e sinalou a súa “preocupación polo cambio tan brusco no modelo de xestión dos dereitos de pesca que pretende esta Ley”.

Nese sentido, o portavoz popular de Pesca sinalou “unha liña vermella á hora de poder valorar o apoio á lei: non queremos se revisen os dereitos adquiridos por todos os armadores con anterioridade á entrada en vigor desta lei, se queda aprobada tal e como entrou no Congreso”. Os populares defenden que “estes dereitos sigan vivos a pesar de que se cambie o modelo de xestión de cotas que propón esta lei”.

Exit mobile version