José Tomé Roca, que estivo acompañado pola Subdelegada do Goberno, cumpriu co compromiso de financiar dende a Deputación a dotación destes dispositivos para mellorar a seguridade e protección da cidadanía
O mandatario provincial cumpriu así o compromiso de financiar dende a institución a dotación destes dispositivos para mellorar a seguridade e protección da cidadanía ante posibles fallos cardíacos cunha medida que vai na liña do que recomendan as organizacións de profesionais sanitarios e do que promove a propia Deputación.
O Presidente enmarcou esta colaboración na vontade da institución provincial de cooperar con outras administracións e cos corpos e forzas de seguridade do Estado para sacar adiante iniciativas en beneficio da cidadanía.
Pola súa parte, a Subdelegada do Goberno en Lugo agradeceu á Deputación e ao seu Presidente a colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade de Estado para que as tres Comisarías da Policía Nacional na provincia conten con este novo equipamento, que protexerá ao persoal de servizo e a calquera cidadán ante unha emerxencia cardíaca, “pois é un beneficio para o conxunto da provincia”.
Deste xeito, Isabel Rodríguez sinalou a importancia do recoñecemento rápido ante unha situación de parada cardíaca sobrevinda e o uso precoz dun desfibrilador para reverter este tipo de emerxencias sanitarias. “Con esta iniciativa demostramos a importancia da colaboración entre administracións para responder ás demandas da cidadanía e garantir os mellores servizos públicos”, destacou a Subdelegada.
Os expertos en cardioloxía aseguran que, en situación de parada cardiorespiratoria, cada minuto que pasa sen atención diminúe nun 10% a probabilidade de supervivencia. Ao cabo de dez minutos, as posibilidades son mínimas, polo que a reanimación debe comezar de forma inmediata ou o máis rápido posible. Por iso, dixo Tomé, “é tan importante contar con equipos desfibriladores nas instalacións e espazos públicos para reducir ao mínimo posible o tempo de reposta ante unha parada respiratoria. Estamos falando da diferencia entre a vida ou graves secuelas, ou mesmo a morte”.