Os populares contrapoñen a aposta da empresa por construír neste concello unha nova fábrica de fibras téxtiles coa “falta de empeño” do Goberno central e o Ministerio de Industria: “O PSOE de Sánchez empezou xogando a ser a banca do Monopoly cos fondos europeos e o resultado é un auténtico descontrol nas convocatorias e na execución”
Palas de Rei, 28 de novembro, 2022. O Partido Popular de Galicia demanda ao Goberno central axilidade nos fondos europeos para que proxectos como o da fábrica de fibras téxtiles de Altri sexan unha realidade e ante o risco de perder a oportunidade de modernizar e dar músculo ao tecido industrial de Galicia.
Así o reiterou esta tarde a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, na visita que realizou xunto a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, e a Comisión de Industria da formación, presidida pola deputada Marta Nóvoa, ao parque empresarial de Palas de Rei. Unha visita que “non é por casualidade”, xa que os populares consideran que “polo centro de Galicia pasa parte do futuro industrial da Comunidade” e por iso insisten en que “ese futuro ten que ser unha realidade”.
Contrapoñen a aposta de Altri por construír neste concello lucense unha nova unidade industrial para a produción de fibras téxtiles sostibles coa “falta de empeño” do Goberno central e o Ministerio de Industria: “O PSOE de Sánchez empezou xogando a ser a banca do Monopoly cos fondos europeos e o resultado é un auténtico descontrol nas convocatorias e na execución”.
Neste sentido alertan de que “a falta de empeño do Goberno de Sánchez cos fondos europeos e con Galicia está poñendo en risco un proxecto tan importante como a fábrica de fibras téxtiles de Altri”. Un proxecto que, aseguran, “marcará a transformación industrial de Lugo e de Galicia nas próximas décadas”.
De aí que os populares galegos se comprometan “a seguir insistindo no Parlamento e nas Cortes Xerais para que o Goberno central saque por fin adiante este proxecto” que suporía un investimento de 800 millóns de euros e a creación de 1.500 empregos directos e 6.500 indirectos.
“O 28 DE MAIO ASPIRAMOS A ACADAR UNHA MAIORÍA EN TODA GALICIA COMO A DE PABLO TABOADA”
A secretaria xeral do PPdeG aproveitou a visita a Palas de Rei para reivindicar “a incansable loita” de Pablo Taboada “para que este concello teña un futuro prometedor” durante os seus 12 anos á fronte dun PP que acumula maiorías absolutas desde 1983. Unhas maiorías que, tal e como asegurou, a formación quere acadar en todos os concellos de Galicia o vindeiro 28 de maio.
“Quero destacar a súa vontade integradora, sen importar a ideoloxía, sempre coas portas do Consistorio abertas para seguir construíndo un municipio que avanza coas achegas de todos os veciños”, afirmou Paula Prado en referencia ao rexedor popular.
Pablo Taboada, pola súa banda, quixo reivindicar a importancia que tería o proxecto de Altri para Palas de Rei e para os concellos da comarca: “A fábrica de fibras téxtiles constituiría un revulsivo para os concellos do interior de Galicia e favorecería a empregabilidade da nosa mocidade, polo que calquera paso atrás suporía unha debacle para Galicia, para a nosa comarca e por suposto para o noso concello”:
Neste sentido reclamou ao Goberno central que “demostre con feitos o seu apoio ao rural” cunha “decisión rápida e eficiente” no que se refire á xestión dos fondos europeos que o proxecto de Altri precisa para saír adiante.