Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP urxe ao goberno local axilidade na tramitación urbanística para entregar os terreos á Xunta e construír canto antes o novo centro de saúde para Ribadeo

O novo centro de saúde é unha cuestión moi demandada polos veciños do municipio

Ribadeo, 21 de novembro de 2022. O Partido Popular de Ribadeo urxe ao goberno do BNG que resolva rapidamente os trámites urbanísticos para a inmediata construción do centro de saúde. “É un centro de saúde que demandan os veciños e por iso urximos a que se resolva con axilidade a tramitación e así entregar os terreos a Xunta de Galicia para empezar a redactar o proxecto o máis axiña posible”, apunta Dani Vega, voceiro do grupo popular.

Os populares afirman que o centro permitirá incrementar toda a carteira de servizos sanitarios e tamén incrementar os médicos e os facultativos resolvendo así unha demanda que piden os veciños para o municipio.

“Esperemos que sexa lentitude, que só sexa iso e non haxa detrás unha estratexia electoral ou de cuestión política. Sería lamentable e estarían sendo desleais cos veciños. Nós o que queremos é o que quere todo Ribadeo, un novo centro de saúde”, di Dani Vega.

Dobre moral

O grupo municipal desconfía que o goberno do BNG estea retrasando a propósito a entrega dos terreos á Xunta e así poidan empezar coa redacción do proxecto. “Creemos que están neses cálculos electorais, unha estratexia absurda que repercute negativamente nos veciños. Máis que axudar están a poñer paos nas rodas”, explican desde o grupo.

Por outra banda, Vega recorda que “este é o mesmo BNG que hai uns meses dicía que era suficiente co centro de saúde que tiñamos, e o mesmo BNG que con pancarta esixían melloras na atención primaria e loitaba por unha sanidade pública, pero cando ten que facer algo, cando ten que cumprir e aportar, non fai nada en absoluto.

Outro dos temas a ter en contra neste aspecto é a localización do centro de saúde, pois os nacionalistas explicaban que o mellor sitio posible era onde hai un aparcamento diante que permitirá un fácil acceso. “O que se lles esqueceu foi que o aparcamento é por minutos e de pago”, apunta Dani Vega

Exit mobile version