Os populares lembran que a falta de PXOM mantén bloqueada a actividade da construción no municipio e crea graves problemas a veciños como os de A Misericordia
Para o portavoz popular, “é inaudita a incapacidade dos gobernos presididos por alcaldes socialistas en Viveiro para dotar ao concello dun planeamento urbanístico acorde ás necesidades e condicións do municipio, no seu conxunto, e da cidade en particular”. Engade: “Levamos anos e anos nos que supostamente se está a traballar para a redacción do PXOM, pero todos os anos acaban sen que se saiba nada sobre o novo planeamento”.
Rodríguez indica: “O desenvolvemento de Viveiro está bloqueado por falta de PXOM; e dicir que está bloqueado quere dicir que o sector da construción está parado e que son moitos os veciños que sofren as consecuencias da falta de desenvolvemento urbanístico dos seus barrios”. Cita, nesta liña, o caso dos veciños de A Misericordia, que reclaman, sen éxito, a mellora do acceso a este barrio”.
O portavoz popular lamenta que aqueles que no seu momento apoiaron ao socialistas non foran capaces de esixir que se executaran os compromisos con eles adquiridos, como foi o da redacción do PXOM. “Non será pedindo máis comisións nas que o goberno diga o mesmo que leva anos dicindo como se dotará a Viveiro do PXOM que necesita e cada vez con máis urxencia”. Rodríguez lamenta que a única reacción do goberno local sexa intentar botar a culpa da súa incapacidade de xestión a outros organismos e administracións.
Óscar Rodríguez sinala: “Con tal de non asumir responsabilidades, son capaces de dicir o que faga falta e de facelo sen ruborizarse. Unha boa mostra é a resposta do goberno local fronte á nosa petición para mellorar o pavimento da Calexa das Monxas; limitáronse a indicar que se hai caídas é porque os peóns non usan o calzado adecuado. E quedaron tan anchos”.