Os populares defenden “que eses máis de 10 millóns de euros con respecto ao ano pasado deben ir a un reparto obxectivo entre todos os concellos, pero moitos tememos que só sexan uns concellos os que se vexan beneficiados”
Castiñeira sinala: “No grupo provincial do PP sentímonos decepcionados e tamén avergoñados da presentación on line que fixo no día de onte o señor Tomé dos orzamentos da Deputación de Lugo para o ano 2023. Dicimos on line porque non a fixo na provincia de Lugo, polo que non puidemos escoitalos directamente en San Marcos, nin os deputados nin o resto dos lucenses, e tivemos que velo por vía telemática, porque os presentou en Santiago, no Parlamento de Galicia”.
O portavoz popular explica: “Estamos decepcionados coa actitude do presidente da Deputación de Lugo, que se dedicou a criticar os orzamentos da Xunta de Galicia; o señor Tomé foi no día de onte a facer de deputado autonómico e non de presidente da Deputación de Lugo; non se pode ir como presidente da Deputación a criticar os orzamentos da Xunta cando te chaman para presentar os da Deputación. Dos poucos datos que deu, temos moitas dúbidas, porque os orzamentos de todas as deputacións medran para o 2023 ao redor dun 6,5%, tal como avanzaron ás de Ourense e Pontevedra, mentres na de Lugo sube un 10% con respecto ao 2022, é dicir, de 100 millóns pasamos a 110 millóns de euros”.
Os populares interpretan que “a estratexia do goberno provincial é cargar os seus tanques electorais e facer da Deputación o arsenal político ao que nos teñen acostumados cada vez que remata unha lexislatura e empeza outra”. Engaden que “o uso dos fondos públicos para facer política non é unha novidade para o señor Tomé, que sabe perfectamente que a Deputación de Lugo o leva facendo dende hai moitos anos”.
Castiñeira declara: “Entendemos que eses máis de 10 millóns de euros con respecto ao ano pasado deberían ir a un reparto obxectivo entre todos os concellos, pero moitos tememos que só sexan uns concellos os que se vexan beneficiados. A proba é que se devalúa o Plan Único, que cando naceu no 2017 supoñía un 24% do orzamento total e, agora, só suporá un 20% para o 2023, a pesar do incremento no 20% dos custos con respecto ao 2017”. Así se minusvalora, din no PP, “a aportación do Plan Único aos concellos”.
Castiñeira explica: “Mentres avanzan os orzamentos o Plan Único mingua. O Plan Único é a cooperación obxectiva co total dos concellos; isto parécenos dunha falta de transparencia absoluta e unha falta de respecto aos concellos e especialmente aos máis pequenos, que son os que máis van sufrir o sectarismo do señor Tomé, que fai da Deputación unha administración que traballa para os privilexios electorais dalgúns”.