No PP explican que o Consello que propoñen deberá funcionar de maneira similar ao Consello Provincial de Turismo, “no que teñan participación tanto os grupos políticos como os representantes veciñais, para falar única e exclusivamente dos problemas da veciñanza e, en xeral, da provincia”
Lugo, 17, novembro de 2022. O grupo provincial do PP está absolutamente convencido da importancia que ten para a provincia o movemento veciñal. O portavoz deste grupo, Javier Castiñeira, e os viceportavoces, Francisco Balado e Óscar Poy, reuníronse no día de hoxe coa Federación de Asociacións de Veciños e coa Cogave “coa intención de escoitar as súas inquedanzas a nivel provincial e para anunciar que imos propoñer a creación na Deputación do Consello Provincial da Veciñanza”. Entre outros, por parte da Federación participaron o seu presidente, Jesús Vázquez, e o vicepresidente (presidente de Cogave), Fernando Rois.
Castiñeira lembra que “a participación cidadá é necesaria, incluso obrigatoria” e destaca que “Lugo é un exemplo de provincia comprometida co movemento veciñal; é moi necesario que as institucións, como a Deputación de Lugo, teñan moito máis en conta ás asociacións do que as teñen ata o día de hoxe”.
Os populares sinalan que “hai provincias que xa teñen constituído o Consello Provincial da Veciñanza, como Castellón”. Castiñeira anunciou na sede da Federación Provincial de Asociacións: “O grupo provincial popular levará unha moción para propoñer que ese órgano se constitúa tamén en Lugo, con funcionamento similar ao Consello Provincial de Turismo, no que teñan participación tanto os grupos políticos como os representantes veciñais, para falar única e exclusivamente dos problemas da veciñanza e, en xeral, da provincia”.
No PP preocupa “que nos orzamentos da Deputación para o 2023 non se teña traballado dende o goberno nin coa oposición nin cos veciños”. Os populares cren que “devaluar o Plan Único e non velar polas estradas é un erro que vai afectar ao día a día de miles de veciños do rural”. Di que tamén saben “de moitas queixas e reclamacións que non se están atendendo nin tramitando da forma correcta e o nulo uso que se está a facer dende o goberno provincial da comisión de reclamacións e suxestións, que non parece interesarlles demasiado”.
En resumen, segundo os representantes do PP, “foi unha reunión moi produtiva e agradecemos á Federación e a Cogave que nos escoitaran e que nos dedicaran uns minutos; temos que agradecer tamén o seu magnífico traballo, que pon a Lugo como exemplo de asociacionismo e de traballo coa veciñanza e a unión da veciñanza co territorio”.