Os populares destacan que, mentres estea cortada a vía, os veciños terán que dar grandes rodeos, por estradas polas que nalgúns puntos apenas poden pasar os vehículos pesados
A citada praza é un tramo dunha estrada provincial (LU-P 6602), na que a institución titular desta vía inviste uns 220.000 euros. O alcalde, mediante un bando, anunciou no seu momento que no tramo urbano a estrada estaría cortada ao tráfico entre os días 2 e 15 do mes en curso, co fin de levar a cabo os traballos de pavimentación; ata hoxe non se levou a cabo o corte da vía. Os veciños expresan queixas polo feito de que agora non se sabe cando está previsto reabrir ao tráfico este tramo.
A portavoz popular, María Eugenia Requeijo, sinala que a planificación das obras debe levarse a cabo pensando en reducir ao mínimo os inconvenientes que xeran aos veciños. Neste caso, destaca que son moitas as queixas que causa a maneira en que se levan a cabo os traballos.
Os populares reclaman do Concello que inste á Deputación a acometer as obras tan rápido como sexa posible e da maneira que causen as menores molestias posibles aos veciños.