Os populares din que xa que non se lles deixou participar na elaboración do proxecto, queren “que polo menos se nos informe periodicamente de en que afectan os traballos e como se van desenvolver”
Foz, 11, novembro de 2022. A política que practica o alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, queda ben definida polo refrán que asegura que “unha cousa é predicar e outra dar trigo”. Cajoto, como moitos outros socialistas, fala moito de participación, pero á hora da verdade procura evitala tanto como pode, incluso cando se trata de obras que afectan a gran número de veciños. Por iso, o portavoz popular Javier Castiñeira, anuncia que “o grupo municipal do PP pide ao alcalde que constitúa unha comisión de seguimento das obras do que el mesmo chama o eixo entre a glorieta de Vilalba e o Campo da Cabana, porque hai unha desinformación absoluta; a xente pregúntanos como lle vai afectar e ninguén sabe nada”.
Castiñeira constata “unha falta de transparencia total por parte do equipo de goberno, que non informa á oposición pero tampouco aos veciños e aos comerciantes, a pesar de que todos nos imos ver afectados, non só polas obras, senón polo cambio de sentido dalgunhas rúas”.
Os populares piden “ao alcalde que constitúa unha comisión de seguimento, en aras da transparencia e da información; unha comisión como a creada cando se executaron as obras da Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro, na que estaban representados tamén os comerciantes e os veciños e na que se falaba e se informaba da obra e dos cambios que se producían”.
Castiñeira di que crear a comisión que pide “sería un labor de transparencia importante; é moi necesaria porque as obras afectarán a moita xente”. Os populares queren que se dea participación aos veciños.
Castiñeira sinala: “Acabamos de saber que esta obra xa está adxudicada, contrariamente ao que se fixo no seu día coas obras da Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro que na mesa de contratación estaban representados todos os grupos”. Engade: “ Ao final é o alcalde o que leva todas estas obras; lamentamos que a xente non teña información e, polo tanto, pedimos a creación da comisión de seguimento”. Apunta que “xa que non se nos deixou participar na elaboración do proxecto, polo menos que se nos informe periodicamente de en que afectan os traballos e como se van desenvolver”.