As queixas veciñais coinciden coas demandas que o Grupo Municipal Popular leva trasladado ao pleno durante este mandato para incorporar máis efectivos cos que organizar unha quenda de noite
Burela, 18 de novembro de 2022. Os populares de Burela condenan que “a incapacidade do goberno local socialista para contratar efectivos suficientes para o corpo de Policía Local de Burela supoña que os veciños e veciñas teñan que sufrir situacións de inseguridade viaria coma a que se daba na noite do pasado martes polo baleirado dun extintor no entorno da ponte da vía do tren. Tamén se levaron a cabo outros actos vandálicos que danaron varios coches aparcados no entorno da rúa Celso Emilio Ferreiro”.
Os populares fanse eco das queixas dos veciños e veciñas da vila que coinciden, neste caso, cunha demanda que o Grupo Municipal Popular defende dende comezos deste mandato: “a incorporación de efectivos suficientes na Policía Local de forma que poidan organizar unha quenda de noite que, polo seu efecto disuasorio, contribúa a evitar este tipo de situacións”.
Trala denuncia trasladada polo Grupo do Popular no último pleno, “o alcalde dignouse, por fin, a convocar dúas prazas de Policía Local; pero que, con total seguridade, non terán presenza efectiva nas nosas rúas ata finais do vindeiro verán”, explica o voceiro, Manuel Rouco.
BURELA MERECE OUTRO GOBERNO
Os populares pregúntanse “por que o goberno local socialista non é quen de tramitar en tempo e forma aquelas cuestións que son necesarias para a nosa vila e que, dende diferentes ámbitos, tamén dende a nosa formación, se lle reiteran día si e día tamén. Ante esta falta de xestión eficiente e eficaz, cremos que este non é o goberno que Burela merece”.