O voceiro, Jose Luís Regueiro, cre que “se deberían ofertar tamén parcelas algo máis pequenas” e bota en falta “un plan de acción e de financiamento por parte do Concello”
Con todo, o Grupo Municipal Popular amosou o seu rexeitamento á proposta da alcaldía sobre o financiamento do proxecto. “Tendo en conta que a aportación doutros Concellos que tiñan asinados convenios con Suplusa -que era unha entidade pertencente á Deputación de Lugo- era de 0 euros, non podemos estar de acordo coa negociación entre o goberno local e o goberno da Deputación porque lle suporía ao Concello aportar en tres anos o 20% do total do custe do proxecto, é dicir, 540.000 euros”.
En relación ao desenvolvemento desta área industrial, os populares lamentan que “a información sobre este proxecto nos chega a conta gotas. Non tivemos información de ningún tipo sobre a negociación dos terreos e o proxecto ata a última comisión extraordinaria de asuntos plenarios, onde se nos expuxo o proxecto final e, polo tanto, sen ter a posibilidade de facer aportacións”.
O voceiro amosouse crítico co tamaño das parcelas que son resultado “dun copia e pega do plantexamento do PXOM que recolle 13 parcelas: 11 de 1.425 metros cadrados, unha de 760 e outra de 1.050. Parécenos que en núcleos de poboación coma o da Fonsagrada sería interesante ofertar tamén un tamaño máis pequeno que pode ser máis acorde coas necesidades empresariais da zona”.
Igualmente, Regueiro bota en falta un plan de financiamento adecuado por parte do Concello. “O que será determinante e marcará o futuro da polígono industrial da Fonsagrada será o prezo de venda das parcelas; así coma o plan de acción e motivación empresarial que debe deseñar o Concello da Fonsagrada ligado a este proxecto”, engade.
FALTA DE PREVISIÓN DO GOBERNO LOCAL
O voceiro popular tivo oportunidade durante o pleno ordinario deste martes de comprobar “a falta de traballo e dunha adecuada xestión por parte do goberno local” porque así o demostra “a súa falta de previsión en determinadas cuestións”. É o caso do cambio de uso da parcela na que se ubican as pistas de pádel construídas con cargo ao Plan Único do 2021 e que “o goberno municipal levou ao pleno unha vez finalizadas as obras”.