O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala que una vez máis queda claro “que non hai ninguén ao mando desta delegación tan importante, que afecta aos nosos veciños, especialmente do rural”
Lugo, 10 de novembro de 2022. É máis fácil sancionar que comprobar puntualmente como se desenvolven os traballos contratados pola Administración. A Deputación ten que aplicar sancións a empresas concesionarias do desbroce das estradas provinciais porque no seu momento a área da que é responsable o socialista José Tomé non efectuou controles eficaces. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala que “as múltiples sancións que se impuxeron as diferentes empresas adxudicatarias dos desbroces das estradas provinciais demostran unha vez máis o fracaso da área de Vías e Obras da Deputación, e concretamente da nula xestión do señor Tomé, que, aínda que non o saiba, é o delegado responsable destes traballos”.
A tempada de desbroce foi, en opinión de Castiñeira, “un absoluto fracaso; se non se fixeron os traballos é necesario sancionar, pero non podemos chegar a este límite”. Engade: “O PP leva meses dicindo que non se están facendo os desbroces segundo os tempos programados; daquela os propios responsables da Deputación de Lugo apenas fixeron nada, chegou o final da tempada e vese que os traballos non están feitos”. De novo compróbase que “existe deixamento no control destas accións”. Os populares cren “que iso é debido a que non hai ninguén ao mando desta delegación tan importante, que afecta aos nosos veciños, especialmente do rural; neste caso, de O Vicedo, Viveiro, A Fonsagrada, Ferreira de Pantón, Ribeira de Piquín, etcétera, onde viron que non se cumprían as expectativas da roza das estradas provinciais”.
Castiñeira destaca que “nos pobos do rural ven como o señor Tomé só pisa as estradas cando se lles fai un arranxo, pero non se dedica a pisar o terreo e ver se os traballos se fan en boas condicións, sen esperar ao final para sancionar”. Di que “Tomé aínda está a tempo de cederlle a outro compañeiro, aínda que xa queden poucos meses, esa delegación; iríalle moito mellor a el e iríanos moito mellor a todos os lucenses”.