Os populares teñen apoiado iniciativas doutros partidos que favorecen a Lugo, pero “aos socialistas non lles interesa resolver os problemas dos lucenses nin favorecer avances nas infraestruturas da provincia”
Os populares emprazaban a semana pasada aos representantes lucenses socialistas no Congreso a votar de forma individualizada no pleno a favor das 30 emendas presentadas polos deputados lucenses do PP; despois de ter votado xa en contra na Comisión de Presupuestos. “Á vista deste novo voto en contra, queda claro que aos socialistas de Lugo non lles interesa resolver os problemas dos lucenses nin favorecer avances nas infraestruturas que demandan os veciños da nosa provincia. Os deputados lucenses do PSOE, unha vez máis, elixen a Sánchez antes que os intereses dos nosos veciños”. Os populares, pola contra, votaran favorablemente emendas doutros deputados “poñendo por diante os intereses da provincia e non as siglas políticas”.
As emendas presentadas polos representantes do PP lucense no Congreso tiñan como obxectivo “corrixir a falta de investimentos para avanzar en importantes infraestruturas para a nosa provincia”. Así, coas 30 emendas os populares solicitaban un incremento de máis de 47 millóns de euros de investimento para a provincia.
ALGUNHAS EMENDAS
A metade das 30 emendas presentadas polo PP ían dirixidas a corrixir déficits en materia de comunicacións por estrada con case 20 millóns de euros: avanzar na autovía da Mariña (A-74) paralizada polo Goberno de Sánchez; na A-56 entre Lugo e Ourense ou na circunvalación da A-76 en Monforte. Tamén reclaman a creación do intercomunicador entre a A-54 e a N-540 en Guntín; actuacións de conservación na N-540, na N-120 e na autovía A-6 na provincia de Lugo debido ao seu deficitario estado; a instalación dunha glorieta no p.k. 513,67 da N-VI, en Outeiro de Rei; a renovación do firme, trazado e sinalización na N-634 no tramo alternativo á A-8 cando e a renovación do trazado e o firme na estrada N-120A entre os p.k. 526,600 e 531,800, no concello de Pantón. Outras das propostas que recibiu o voto en contra dos socialistas foi o estudo do desdobramento da N-VI e das vías de servizo na A-6 ao seu paso polo municipio de Lugo.
Outra das propostas dos populares que contou co voto en contra dos deputados do PSOE é a dirixida á construción dunha nova Comisaría de Policía na cidade de Lugo. Tamén se posicionaron en contra da renovación da liña Monforte-Lugo do corredor noroeste, incluíndo as variantes de Rubián e Canabal-Os Peares, “imprescindibles para reducir os tempos de conexión” e tampouco apoiaron a proposta do PP para estudar a viabilidade para a conexión ferroviaria entre a cidade de Lugo e Santiago e de Lugo coa Mariña lucense; que é “unha iniciativa dos populares aprobada no Congreso sen contar tampouco co apoio do PSOE”.
Entre outras emendas, os deputados lucenses do Partido Popular tamén propoñían dotar de orzamento a redacción de estudo para declarar o proxecto de “Gran Senda do Navia” como obra de interese xeral; xa que o Goberno esqueceu a dotación necesaria para dar cumprimento ao acordo adoptado no Congreso a través dunha Proposición No de Ley do Grupo Popular.