Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista alerta da baixa execución da Xunta en I+D+I: 196M€ perdidos entre 2016 e 2021

Patricia Otero reclama o incremento do investimento en Ciencia e Innovación por parte do goberno galego

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022. A parlamentaria socialista Patricia Otero reclamou hoxe un maior esforzo da Xunta en Ciencia e Innovación para darlle continuidade á aposta pola innovación, o I+D+i e a educación pública por parte do Estado. Na comparecencia da directora xeral da Axencia Galega de Innovación, alertou hoxe de que a Xunta deixou sen executar 196 millóns de euros destinados a I+D+i entre os anos 2016 e 2021.

A responsable socialista lembrou que a propia UE ten chamado a capítulo ao goberno galego para que incremente o ritmo de execución de gasto e dinamizar o investimento privado en proxectos de I+D+i. Sinalou que de acordo co último informe de Innovación Rexional emitido pola UE correspondente ao ano 2021, Galicia falla en canto ao gasto en I+D público e privado, empeorando os datos con relación ao ano anterior e aínda se sitúa lonxe da media da UE.

Lamentou que, ademais de rexeitar as emendas presentadas polos socialistas galegos aos orzamentos da Xunta para incrementar as partidas para I+D+i, o goberno galego nin tan sequera é quen de cumprir coa súas propias previsións. Cualificou de “fundamental” que o goberno galego execute os fondos consignados á I+D+i, unhas partidas que xa de por si resultan “insuficientes”.

Colaboración leal

A responsable socialista fixo un chamado á “colaboración leal” entre as administracións públicas que operan no territorio galego, así como ao impulso da colaboración público privada para impulsar ás empresas tractoras de proxectos de Innovación. Propuxo así seguir a liña aberta no Polo Aerospacial de Galicia, situado en Rozas, que deriva do convenio entre os gobernos central e autonómico para a de xestión deste centro como ente mixto de titularidade compartida.

Patricia Otero sinalou que a aposta decidida do goberno de España pola I+D+i permite abrir oportunidades empresariais tamén en Galicia polo efecto do xeorretorno, “alimentando a capacidade de liderar programas espaciais en Europa. Esta liña permite multiplicar os encargos relacionados coa ciencia e capacita a abrir novos mercados, garantindo unha facturación adicional ás empresas de máis de 2 euros por cada euro invertido.

Exit mobile version