Ribadeo, 18 de novembro de 2022. O Concello recorrerá a Resolución do Instituto Geográfico Nacional que pretende equiparar o topónimo de Ría del Eo co de Ría de Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que as alegacións presentadas non foron analizadas, “o cal anticipa xa unha nova chapuza administrativa para pechar o asunto a toda velocidade”.
O alcalde contou que “vimos de ser notificados da nova Resolución do Instituto Geográfico Nacional (IGN) acerca do topónimo da Ría de Ribadeo, despois de que se tivese que volver a tramitar este procedemento tralos recursos presentados por este Concello e outras partes interesadas”.
Fernando Suárez lembrou que “o pasado mes de outubro recibimos por parte do IGN o novo informe da Comisión Especializada de Nombres Geográficos (CENG) á vez que se abría un trámite de audiencia, dentro do cal, novamente, presentamos as alegacións oportunas, reafirmando o xa exposto ata a data na defensa do topónimo de Ría de Ribadeo como único posible, rebatendo os pobres e arbitrarios argumentos que se están a utilizar á hora de recoñecer o topónimo de Ría del Eo”.
Para o alcalde “lamentablemente, o resultado volve a ser o mesmo. Ao noso xuízo, pese a emitir un novo informe da CENG no que se pretenden corrixir os vicios cometidos no anterior procedemento, as argumentacións utilizadas á hora de equiparar o topónimo de Ría del Eo ao de Ría de Ribadeo son máis que cuestionables, pois apóianse na presenza puntual e non continuada do topónimo Ría del Eo en escasa documentación histórica, no uso estendido na marxe asturiana da Ría de Ribadeo especialmente nestes últimos anos e nunha aplicación totalmente arbitraria e sesgada das recomendacións da Organización das Nacións Unidas sobre estes asuntos, o que en ningún caso pode ser fundamento para a oficialidade que se lle pretende outorgar a este topónimo. Por último, chama a atención que novamente non analizan as nosas alegacións, máis aló de sinalar que foron presentadas, o cal anticipa xa unha nova chapuza administrativa para pechar o asunto a toda velocidade”.
Fernando Suárez subliñou que “a Ría de Ribadeo é un ben común, tanto de asturianos como de galegos, non é mais dunha beira que da outra, e debe unirnos en lugar de afastarnos, pero vémonos na obriga de recorrer esta Resolución para defender a oficialidade do topónimo de Ría de Ribadeo como o único válido, por todas as razóns científicas e históricas que desde séculos atrás avala e que todas as rías en Galicia, en Asturias levan o nome da poboación histórica máis importante: Non é ría do Verdugo se non de Ría Vigo, non é Ría do Landro se non Ría de Viveiro, non é Ría del Navia, se non Ría de Navia, non é Ría del Sella se non de Ría de Ribadesella, non é Ría de Alvares se non Ría de Avilés ,polo tanto non é Ría del Eo se non Ría de Ribadeo”.
E engadiu que “quen está a promover de novo este enfrontamento interesado, debera promover máis a resolución dos problemas que hoxe ten a Ría, como os altos niveis de coliformes provocados pola falta de saneamento integral, especialmente pola banda asturiana”.