Viveiro, 9 de novembro de 2022. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asegurou no pleno celebrado onte que a solución definitiva para os accesos ao barrio da Misericordia “está no novo PXOM”, pero adiantou que o concello buscará “unha medida provisional”.
Loureiro manifestoulles aos veciños e veciñas presentes no pleno que entendía perfectamente “as súas demandas e a súa preocupación, somos coñecedores do problema de acceso existente e traballamos desde hai anos nas posibles opcións que permitan solventar a situación”.
Con respecto á solicitude veciñal dunha posible modificación puntual da normativa urbanística vixente para abrir un vial cara a rúa Cantarrana, Loureiro lembrou que “dende o ano 2006, o Concello conta cunha Ordenación Urbanística Provisional (OUP) aprobada pola Xunta de Galicia e que, polo tanto, cóntase dende ese momento cunha serie de particularidades e limitacións impropias dun instrumento urbanístico municipal, como serían as normas subsidiarias ou o plan xeral”.
“Xa no 2009 solicitouse á Xunta a modificación da Ordenación Urbanística Provisional, cunha petición para que se permitise a execución dos viais contemplados nas normas subsidiarias que a Ordenación Urbanística Provisional, con limitacións, mantivo en vigor. Sen embargo, por parte da Xunta de Galicia esta cuestión non foi atendida”, apuntou a alcaldesa.
“Isto demostra que o Concello de Viveiro fixo os seus deberes intentando solventar este problema, plantexando xa esta solución hai máis de dez anos. Se naquel momento non foi antendida pola Xunta de Galicia, non variaron as circunstancias para que o sexa agora; máis ben todo o contrario, pois no 2009, cando se pedía a modificación da Ordenación Urbanística Provisional, aínda non se atopaba elaborado o PXOM, que agora xa está nunha fase avanzada, recabando as últimas autorizacións sectoriais”, engadiu.
En palabras de María Loureiro, “a solución pasa pola aprobación do PXOM. Este concello traballa en aras a solventar estas necesidades ante situacións de emerxencia e, como xa veu facendo noutros casos, está a buscar nesta zona solucións provisionais alternativas, en tanto non se proceda á aprobación do PXOM para poder facilitar o acceso dos servizos necesarios ante situacións de emerxencia”.
“Este Concello, ante as necesidades de actualización do anterior inventario de bens, leva máis de un ano traballando na elaboración dun novo. Con este trámite constatouse en todo o ámbito municipal a existencia de viais públicos que non estaban recollidos no anterior inventario, un deles precisamente nesta zona. No momento de aprobación definitiva do inventario, que será en breve, poderase acondicionar ese camiño existente, como medida provisional para solventar os problemas de acceso en caso de emerxencia”, rematou.