O goberno municipal leva anos de intensas xestións e a solución atópase na fase final
Este é un gran avance na xestión e tramitación que dende o Concello de Viveiro se vén realizando para pode contar coa cesión da propiedade de varios terreos adxacentes a estes paseos, permitindo continuar coa tramitación da desafectación e posterior cesión ao concello.
Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello de Viveiro, en base ás necesidades existentes nas zonas dos paseos marítimos de Covas e Viveiro, atendendo á regulación establecida na normativa en materia de Costas e co fin de poder contar coa cesión da propiedade de varios terreos adxacentes a estes paseos que hoxe en día forman parte do dominio público marítimo terrestre, procedeu á solicitude da regularización da liña interior de ribeira de mar nestes paseos, tendo en conta que perderon as súas características naturais de zona marítimo-terrestre.
Para esta solución lévase traballando dende hai anos, conseguindo que neste momento xa se atope a punto de rematar a tramitación necesaria para a desafectación deses terreos e posterior cesión ao concello por parte de Patrimonio do Estado, acordando xa neste momento a Dirección Xeral da Costa e do Mar solicitar ao Ministerio de Facenda que proceda á desafectación destes terreos.
Neste sentido, cabe subliñar o importante e arduo traballo que se leva facendo dende o concello; resultando un proceso máis longo do inicialmente esperado que puido chegar á súa fase final grazas á preocupación e insistencia deste concello.
Ademais de tratarse dun proceso longo, require da intervención de varias administracións pero que, finalmente, vai permitir que o concello conte coa titularidade dos terreos afectados e poida definitivamente proceder ao arranxo das zonas obxecto de cesión, que inclúen a zona onde antigamente se ubicaba a Opel, na Misericordia; a zona de rodadura da Avda Luis Cebreiro, dende a residencia de maiores ata o aparcamento de Covas, así como a beirarrúa que vai por diante das vivendas e unha parte do parque Pernas Peón; un pequeno espazo na zona da estación de autobuses; e un espazo na zona da Variante, que inclúe os terreos comprendidos entre o dominio público e a beirarrúa da estrada, limitando co aparcamento e incluíndo tamén a explanada que hai diante dos edificios, que actualmente se atopa en moi mal estado polas fochancas existentes. O conxunto destes espazos obxecto de cesión ten unha superficie aproximada de 18.000 m2.
Finalmente, con respecto ao estado no que se atopa a explanada da Variante, cómpre indicar que o Concello de Viveiro é coñecedor da situación e que comprende as molestias que estas circunstancias ocasionan. Tal e como se explicou en diversas ocasións, trátase dunha problemática complexa, ao non ser un espazo de titularidade municipal e no que, polo tanto, non se podía adoptar unha solución definitiva. Ao longo destes anos, o Concello de Viveiro veu realizando labores para minimizar os prexuízos causados e, neste momento, atendendo ao punto no que se atopa a tramitación referida, pode afirmarse que a súa solución se atopa xa na fase final.