Foz, 25 de novembro, 2022. O día 25 de novembro non é un día máis.
Por desgraza cada ano en todo o mundo son moitas as mulleres que sufren de violencia de xénero polo mero feito de ter nacido muller.
Desde o Martínez Otero intentamos loitar contra esta lacra, involucrando ao noso alumnado por medio de actividades, charlas, videos, murais… que inviten a todos á reflexión de que entre nós non hai diferenzas por ter nacido home ou muller.
Aínda que o día 25 de novembro foi o elixido internacionalmente para dar maior visibilidade a este grave problema, no noso colexio intentamos que cada día sexa un “canto” á tolerancia, respecto e colaboración sen fronteiras de ningún tipo.
No día de hoxe todo o alumnado, desde os máis pequenos de Infantil ata os maiores da ESO, acompañados polo profesorado e o persoal de administración e servizos, tivemos unha xuntanza no patio para gardar un minuto de silenzo como tributo e lembranza daquelas mulleres que, por desgraza, padecen os malos tratos.
Agardamos que algún día non sexa necesario ter que realizar actos especiais por este motivo.