A frente nacionalista estabelece como prioritario levar a cabo as infraestruturas recollidas na “Mesa polas Infraestruturas da Mariña”: modernización do FEVE, construción da A-74, liberación do dique norte para usos comerciais ou mellora da N-642 e a N-634
Madrid, 20 de novembro de 2022. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para 2023 para a comarca da Mariña co obxectivo de superar o déficit en materia de infraestruturas e superar a crise industrial que atravesa. Destaca a necesidade de executar e rematar todas as obras pendentes comprometidas co norte de Lugo para o desenvolvemento socioeconómico da comarca e salvar o futuro da Mariña. Alén do máis, volve presentar unha emenda para a intervención pública da planta de Alcoa dotando esta partida de 200 millóns de euros para reactivar a actividade industrial da comarca.
“As infraestruturas son un elemento fundamental para o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. A Mariña, que posúe enormes potencialidades, arrastra unha discriminación histórica con numerosas obras pendentes e por iso reclamamos un incremento do investimento do Estado” destaca o deputado do BNG. Como infraestrutura chave, rexistran emendas con partidas suficientes para todos os tramos da futura A-74: San Cibrao-Burela, Foz-Burela, Foz- O Carme, O Carme-Barreiros, así como a construción dun enlace desde o polígono industrial de Barreiros.
Paralelamente, reclaman a mellora do firme da N-634, sobre todo entre os termos municipais de Lourenzá e Barreiros, e a prolongación do terceiro desta estrada até a rotonda de enlace coa A-8, no Alto da Xesta, co obxectivo de “mellorar a seguranza viaria e favorecer a fluidez do tráfico”.
En materia de seguranza viaria, a frente nacionalista rexistra a incorporación dunha partida para a súa mellora na N-640 ao seu paso polo concello da Pontenova. “A estrada atravesa o casco urbano e sitúase entre as vías máis perigosas do Estado pola intensidade media de circulación e o número de accidentes. É preciso adecuar a sinalización -axustándoa a nova normativa- e limitar a velocidade a 30 km/h estabelecendo pasos elevados ou a colocación de semáforos ámbar” afirma o portavoz municipal do BNG, Xosé Lois Gutiérrez Rivas.
“O mesmo acontece no termo municipal de Riotorto e entendemos preciso unha adecuación e accesos da N-640 á estrada que une A Órrea co Courel e Galegos” explica o voceiro da organización nacionalista en Riotorto, Luís Fernández Fernández.
Ademais, a frente nacionalista demanda a modernización da liña do FEVE entre Ferrol e Ribadeo, actualizando as infraestruturas e incrementando as frecuencias para que funcione como un verdadeiro servizo de tren de proximidade como alternativa de transporte sustentábel. “Esta liña articula o norte do país e ten enormes potencialidades tanto para os transportes de mercadorías como para os usuarios e usuarias” afirma Néstor.
Por outra banda, a organización nacionalista propón a “redacción dun proxecto para a adaptación do dique norte San Cibrao-Morás para a súa futura liberación con fins comerciais”. Alcoa ten exclusividade até 2022 na utilización deste porto, o de maior calado da comarca, mais existe un consenso amplo para a súa liberación “o que permitiría levar a cabo unha actividade comercial portuaria independente ou complementaria á que desenvolve na actualidade a multinacional”.
En materia medioambiental, o deputado nacionalista destaca unha emenda para levar a cabo un saneamento das rías galegas para aumentar a súa capacidade produtiva e eliminar todos os vertidos que, durante anos, se produciron na costa galega.
Reactivar a actividade industrial na Mariña
“O ano pasado defendíamos a incorporación nos Orzamentos do Estado unha partida para a intervención pública de Alcoa e este ano volvemos insistir neste tema porque, cando termine o proceso de suspensión da actividade pactado, será preciso analizar as posíbeis solucións que permitan a continuidade e mantemento dos postos de traballo” afirma o deputado do BNG. Rego sinala que, para a formación nacionalista, a única opción máis viábel e fiábel é a intervención pública por parte do Estado.
Impulsar Barreiros a través de infraestruturas e servizos
Ademais da construción do enlace da futura A-74 co polígono industrial, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, defende a necesidade de construír unha nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) para atender a demanda deste servizo durante os veráns e evitar os vertidos directos ás praias. “En época estival Barreiros chega a triplicar a súa poboación -de 3.000 a preto de 10.000 habitantes- e, ao carecer dunha infraestrutura que posúa a capacidade depurar as augas, está a provocar problemas de salubridade e prohibindo o baño en numerosas ocasión na praia de Arealonga” explica Ermida. O elevado custo da obra non é asumíbel polo Concello polo que é necesario que outras administracións -como o Goberno do Estado- participe na financiación da obra.
“Queremos que se constrúa un Centro de Interpretación do Círculo Lítico após o seu descubrimento durante as obras de construción da autovía A-8 no tramo Baamonde-Ribadeo” demanda a alcaldesa. Esta estrutura prehistórica con forma circular inclúe un foso e un terraplén era empregado para rituais. “O Ministerio comprometeuse a musealizar este enclave patrimonial mais, 16 anos despois do seu descubrimento, aínda non fixo nada” denuncia.
En materia mediambiental, a frente nacionalista demanda a restauración do caudal e as marxes do río Masma ao seu paso polos termos municipais de Barreiros e Foz. Na actualidade, este río, caracterizado pola abundancia de troitas e salmóns, atópase nun estado de abandono onde a maleza avanza e as árbores caen. “Debe levarse a cabo unha actuación integral neste espazo para evitar a degradación medioambiental deste espazo natural de gran riqueza ecolóxica e paisaxística” incide.
Mellorar a seguranza viaria no concello de Foz
O termo municipal de Foz posúe de numerosos puntos negros e unha intensidade media diaria. Neste sentido, o BNG rexistra emendas para que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana leve a cabo tres actuacións con urxencia. “Propomos a construción dunha rotonda-enlace entre a N-642 e a LU-152 na Corredoira á entrada de Foz, así como a mellora no cruzamento en Cangas de Foz coa estrada LU-162 ao representar un punto con gran perigo para os peóns ante o elevado tráfico rodado” explica o tenente alcalde de Foz, Xavier Fanego Bermúdez.
Ademais, Fanego demanda a mellora dos accesos da N.642 no cruzamento de Ribela e A Gralleira na parroquia de Cangas de Foz. “É necesaria unha modificación deste perigoso cruzamento para facilitar a mobilidade dos peóns e o acceso de vehículos dos barrios próximos” afirma o tenente alcalde.
Proxecto de futuro en Ribadeo
Pola súa parte, o alcalde nacionalista en Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, anuncia as propostas rexistradas para levar a cabo no concello lucense para favorecer o desenvolvemento socioeconómico e a preservación do medioambiente. “Defendemos a construción do acceso central ao carril de acceso ao Porto de Ribadeo co obxectivo de evitar o paso de camións con madeira e outros produtos por zonas moi transitadas por peóns e outros vehículos máis lixeiros” indica. Así mesmo, a frente nacionalista demanda a redacción dun proxecto para a execución dunha saída directa de Ribadeo dirección Asturias pola A-8 que evitaría a circulación de vehículos pesados polo centro de poboación.
“O Goberno do Estado comprometeuse, mediante a redacción dun proxecto, a executar a obra para a rexeneración e rehabilitación dunha serie de cetarias denominado `Ruta das Cetarias de Rinlo´ dotado de 400 mil euros, actuación integrada nun proxecto máis amplo vencellado á valorización como atractivo turístico destes elementos patrimoniais localizados na parroquia mariñeira de Rinlo e a Praia das Catedrais” demanda o alcalde de Ribadeo, Suárez Barcia.
Por último, a organización do BNG rexistra unha emenda para que se leve a primeira fase de rehabilitación como senda verde do ferrocarril mineiro entre Ribadeo e A Pontenova. “Esta actuación é fundamental para o desenvolvemento socioeconómico e medioambiental dos concellos por onde percorre o tramo ferroviario” defende Rego.