Fernández reclamou unha mesa de negociación entre o goberno central e a Xunta para a transferencia a Galiza dos fondos do plan de recuperación nunha porcentaxe pactada entre os dous executivos
Santiago de Compostela, 23 de novembro 2022. O BNG emprazou na Cámara ao Goberno do PP un pacto para o fomento da actividade tecnolóxica e industrial para que a industria e a innovación teñan un peso do 20% do PIB galego. Dentro dese pacto recóllese que o financiamento público en I+D+I para 2023 debe chegar ao 3% dos orzamentos da Xunta. Ademais, inclúe a constitución dunha empresa pública de enerxía.
“Cremos nunha Galiza que coide e promova ás persoas investigadoras, o talento e a súa carreira profesional”, explicou o portavoz de Industria, Ramón Fernández. Denunciou a situación actual do sector industrial galego, que dende o 2009 perdeu preto de 15.000 empregos e o 30% do investimento industrial, “son vostedes un auténtico buraco negro para o sector industrial do noso País”, recriminou.
Fernández denunciou que o investimento en ciencia e innovación “está moi lonxe da media española, máis lonxe aínda da portuguesa”. Mentres Euskadi inviste o 2,08% do seu PIB en I+D+I e Catalunya un 1,61% Galiza inviste tan só un 1,1%. Fronte esta situación, o Goberno do PP emprega “escusas de mal pagador”, criticou o deputado do BNG, que demandou da Xunta “un plus, que dobre a súa aposta para non quedarmos atrás”.
A alternativa do BNG para unha industria galega forte e competitiva
Fronte esta situación, o BNG propón un pacto galego no que a Xunta se comprometa a “exercer as súas competencias” e dedicar un 3% dos orzamentos do 2023 para investimento en ciencia e innovación “formado por un tecido de pequenas e medianas empresas que non dispoñen de medios para investir en I+D+I”, explicou Fernández.
Ademais, este compromiso recolle “a creación dunha empresa pública produtora de electricidade formada a partir das concesións hidroeléctricas que cheguen á súa fin”. Unha empresa “que sería o mellor aliado estratéxico para un goberno galego con ambición” e que podería implicarse, tamén, no sector eólico, cun modelo planificado e ordenado, e nas tecnoloxías de autoabastecemento e gases renovábeis”, declarou.
Dentro do ámbito competencial galego, Fernández urxiu ao Executivo do PP “a esixir do goberno do estado a transferencia a Galiza dos fondos para a recuperación económica” en contraposición á posición actual da Xunta, “a de non facer nada”, criticou. Propostas todas que foron rexeitadas polos Populares no Parlamento, que votaron en contra.