O BNG propón o aumento do orzamento en Atención Primaria ata o 25% do total do presuposto de Sanidade, medidas para reter ao persoal sanitario formado en Galiza e a incorporación de novas categorías profesionais como logopedas, psicoloxía e nutricionistas
Santiago de Compostela, 20 de novembro 2022. O BNG rexistra no Parlamento unha batería de medidas para mellorar e reforzar a sanidade pública galega con dous eixos chave: a mellora das condicións laborais do seu persoal traballador, con condicións dignas e ampliar os servizos na Atención Primaria para garantir unha calidade asistencial presencial e de proximidade.
“Compartimos a indignación dos profesionais e da poboación ante a última ocorrencia do PP en referencia á falta de asistencia nos PAC”, denuncia a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado. Recriminou a política de precariedade e recortes do Goberno do PP, que privilexia a atención a distancia en lugar dunha atención próxima á cidadanía: “ É unha temeridade, unha irresponsabilidade, porque non se pode diagnosticar a distancia, en diferido, hai que ter aos doentes diante, porque ante unha emerxencia fan falta mans para atender ás persoas”.
Prado tamén fixo referencia á última manobra da Consellería de Sanidade de empregar persoal de enfermería como substituto do persoal médico correspondente, porque “non é posible atender unha urxencia sen un equipo de profesionais que se poidan complementar. Os enfermeiros e enfermeiras non poden substituír a médicos e médicas”, sinalou.
A alternativa do BNG para unha sanidade pública de calidade
Fronte esta situación, a deputada esíxelle ao PP que actúe “dunha vez por todas” e que “rectifique e garanta que nos PAC haxa equipos completos formados por facultativos, enfermería, celadores”, tal como establece a normativa. A formación nacionalista, ademais, reclama a posta en marcha “dun plan para reter aos e ás profesionais sanitarias formadas en Galiza e non marchen fóra”, recalcou Prado. Tamén propón o aumento ata o 25% do total do orzamento en Sanidade para a Atención Primaria e unha ampliación do seu persoal, cun plan para reter aos e ás profesionais formadas en Galiza, ademais da incorporación nos PAC de novas categorías profesionais como a de psicoloxía clínica, nutrición, logopedia e podoloxía, entre outras.
“No 2021, 75 facultativos solicitaron o certificado de idoneidade para exercer fóra a súa profesión”, recriminou a portavoz de Sanidade, “logo, o 40% dos que rematan o MIR non se quedan aquí”. Segundo a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria “ao redor do 20% das enfermeiras especialistas vénse na obriga de emigrar para exercer a súa profesión”. Contra esta situación “que pon en risco a saúde e a vida dos galegos e galegas” a deputada do BNG esixiu ao Goberno do PP “deixar de crear un relato fraudulento e actuar de inmediato”.