Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG defende a denominación “Ría de Ribadeo” como a única oficial lexítima

Ribadeo, 22 de novembro, 2022. Ante a resolución de 15 de novembro de 2022 do IGN acerca da denominación da ría de Ribadeo, que resolve considerar oficiais ao mesmo rango os nomes “ría de Ribadeo” e “ría del Eo (en español), o BNG de Ribadeo considera que debemos repoñer recurso de alzada. E solicitamos, para iso, o apoio das demais forzas políticas con representación no concello de Ribadeo, como fixeron até o momento.

Ao longo destes anos temos demostrado coa nosa acción de goberno, e toda a veciñanza de Ribadeo e o seu tecido asociativo, a longa tradición do uso do topónimo “ría de Ribadeo”. En diversos actos (charlas-coloquio, exposicións de cartas náuticas e artigos diversos na prensa local e galega) constatamos a evidencia histórica do uso do topónimo “ría de Ribadeo”. Fronte a esta evidencia histórica hai quen se imaxina que o mundo comezou hai escasos sesenta anos, e que só gravita en torno ao intento, por parte das autoridades asturianas, de que a ría se denomine polo río (un deles) que desemboca nese estuario. Non fan o mesmo nin en Navia, nin en Avilés, nin en Ribeseya nin en Villaviciosa: só aquí. É tal a súa teima, que mesmo son quen de negar a evidencia do uso do topónimo “ría de Ribadeo” nos seus propios mapas. Só a partir de finais dos 80 comezan a mudar a denominación pola súa conta e risco. E ademais ignoran os criterios do grupo de expertos da ONU en cuestións de toponimia que recomendan sempre manter un só nome para cada accidente xeográfico, evitando duplicidades que poidan levar a equívocos innecesarios.

En paralelo, emprenden unha campaña de desprestixio cara a Ribadeo, e tamén cara ao BNG como forza política, acusándonos de intolerantes e expansionistas. Sen desenfreo ningún mesturan nese mesmo saco “expansionista” á TVG, aos xornais galegos que se len en Asturias, o Porto de Mirasol e a súa actividade comercial, a proposta de recoñecemento da tradición oral galega e do Eo-Navia e o Bierzo como patrimonio inmaterial da humanidade… Calquera escusa era boa para encirrar en nós e laiarse do éxito económico, comercial, social e cultural de Ribadeo: un éxito logrado por todas as persoas que vivimos aquí, nacésemos onde nacésemos.

Esta campaña de difamación ten implicado, de xeito persoal, ao noso alcalde, Fernando Suárez Barcia, e anteriormente a Eduardo Gutiérrez. Neles quíxose proxectar a imaxe e encarnación de todos os males. Quen así obra nestes días, esquece que as actuacións emprendidas polo concello de Ribadeo levan a sinatura de Fernando Suárez Barcia, como alcalde-presidente que é da corporación municipal, pero contando co apoio dos demais grupos municipais. Mesmo o apoio acadado a nivel provincial e autonómico afecta a compañeiros e compañeiras do partido de quen tanto se refire de xeito demagóxico a Fernando Suárez Barcia e ao BNG. É como se lle chamasa nacionalista expansionista ao PPdeG e ao PSdeG. Un feixe de contradicións e desatinos e un empeño persoal en cubrir as súas propias carencias políticas.

Por todo isto, desde o BNG seguiremos a facer o noso traballo: defender os nosos sinais de identidade. Non podemos consentir que se queira deturpar o noso patrimonio, que se queira borrar o galego, na súa variante eonviega, co nome “ría del Eo”. E imos defender a tradición histórica e o rigor científico propoñendo que desde o Concello de Ribadeo se presente recurso de reposición ante o subsecretario de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e se teñan en conta todas as alegacións feitas anteriormente polo concello. Estas alegacións contiñan informes da RAG, do Consello da Cultura Galega, da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e da USC. E non foron tidas en conta. No ditame non se fai referencia ningunha a elas, tan só se constata que foron recibidas. Perderíanse nalgún caixón?.

O BNG de Ribadeo vai seguir defendendo o noso saber facer como grupo de goberno, achegando á sociedade ribadense, dinámica onde as haxa, máis e máis propostas para seguir potenciando a ría de Ribadeo como elemento crucial da nosa paisaxe capaz de se converter nun polo de atracción turístico (Ribadeo birding, visitas a espazos naturais senlleiros, senda das Aceas…), facendo da ría de Ribadeo un espazo con saneamentos modernos con tripla fase de depuración incluso con ultravioletas e con emisario ao mar aberto. Ben distinta é a actitude do Principado de Asturias que segue sen tratar de xeito integral o saneamento da ría na beira que é da súa competencia e que presenta altos niveis de coliformes.

O BNG de Ribadeo seguirá a traballar, en fin, para que Ribadeo siga a ser un referente económico, social e cultural en toda a comarca mariñá e eonaviega, así como en toda Galiza e o Cantábrico, sabendo compaxinar economía e cultura, defendendo a nosa identidade para que se convirta nunha panca de dinamización económica.

Exit mobile version