Ademais da preocupación pola vixencia da violencia machista, o contexto de 2022 engade a incerteza dunha situación económica na que a escalada de prezos que se vive desde hai máis dun ano impacta con virulencia nas mulleres, afondando na desigualdade.
Galiza é exemplo de importantes avances, aínda que temos avanzado, queda moito por facer e estamos nun momento histórico de ameazas de retroceso en materia de igualdade. Polo tanto, é necesario dar un paso máis fortalecendo un instrumento coma os CIM. Este é un chanzo necesario para garantir a igualdade de opcións e trato das galegas ao longo do territorio, para avanzar na profesionalización e na mellora da atención e para prever e intervir ante as necesidades actuais.
O investimento nos CIM sería ben mais útil que o feito cos cartos públicos na lamentable campaña da Xunta neste 25 N, unha campaña que volve a focalizar na vítima: a vida que fai e como viste, translucindo a idea de que o mellor é quedar na casa. A campaña céntrase na visibilización dun tipo moi concreto de muller (nova, atractiva, urbana…) como posible vítima de violencia. Con iso favorece unha reprodución estereotipada da vítima e do agresor que escurece o carácter estrutural da violencia. A defunta Ana Orantes, queimada viva po lo seu asesino hai agora 25 anos, non sería albo desta campaña, ridícula se non fora por que ten mortas detrás. A Xunta debera garantir que os fondos públicos se destinan a campañas con perspectiva de xénero e non para lamentables esperpentos como a deste ano.
Por estes motivos, é preciso comprometérmonos co fortalecemento de instrumentos como os CIM, ademais de revalidar o compromiso coas mobilizacións feministas e demandar das institucións o mantemento dos compromisos económicos coa igualdade e a loita contra a violencia machista. Demandamos da Xunta de Galiza o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2023 de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Asemade solicitamos a aprobación dun programa de ampliación e extensión dos CIM a través do incremento da achega económica do programa de axudas e subvencións de apoio aos CIM e reforzar o financiamento anual dos CIM garantindo, asemade, que o Programa de apoio aos CIM cubra os custes de persoal e de mantemento, favorecendo o desenvolvemento de actividades e programas de prevención da violencia machista e de promoción da igualdade así como a incorporación de novos perfís profesionais aos centros.