Foz, 24 de novembro, 2022. A violencia machista segue forte na nosa sociedade, como mostra da vixencia do sistema patriarcal. Proba disto son, por exemplo, os datos recentes dados a coñecer a mediados de outubro por parte do Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial que indicaba que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 ata 1.813 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021.
Ademais da preocupación pola vixencia da violencia machista, o contexto de 2022 engade a incerteza dunha situación económica na que a escalada de prezos que se vive desde hai máis dun ano impacta con virulencia nas mulleres, afondando na desigualdade.
Galiza é exemplo de importantes avances, aínda que temos avanzado, queda moito por facer e estamos nun momento histórico de ameazas de retroceso en materia de igualdade. Polo tanto, é necesario dar un paso máis fortalecendo un instrumento coma os CIM. Este é un chanzo necesario para garantir a igualdade de opcións e trato das galegas ao longo do territorio, para avanzar na profesionalización e na mellora da atención e para prever e intervir ante as necesidades actuais.
O investimento nos CIM sería ben mais útil que o feito cos cartos públicos na lamentable campaña da Xunta neste 25 N, unha campaña que volve a focalizar na vítima: a vida que fai e como viste, translucindo a idea de que o mellor é quedar na casa. A campaña céntrase na visibilización dun tipo moi concreto de muller (nova, atractiva, urbana…) como posible vítima de violencia. Con iso favorece unha reprodución estereotipada da vítima e do agresor que escurece o carácter estrutural da violencia. A defunta Ana Orantes, queimada viva po lo seu asesino hai agora 25 anos, non sería albo desta campaña, ridícula se non fora por que ten mortas detrás. A Xunta debera garantir que os fondos públicos se destinan a campañas con perspectiva de xénero e non para lamentables esperpentos como a deste ano.
Por estes motivos, é preciso comprometérmonos co fortalecemento de instrumentos como os CIM, ademais de revalidar o compromiso coas mobilizacións feministas e demandar das institucións o mantemento dos compromisos económicos coa igualdade e a loita contra a violencia machista. Demandamos da Xunta de Galiza o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2023 de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Asemade solicitamos a aprobación dun programa de ampliación e extensión dos CIM a través do incremento da achega económica do programa de axudas e subvencións de apoio aos CIM e reforzar o financiamento anual dos CIM garantindo, asemade, que o Programa de apoio aos CIM cubra os custes de persoal e de mantemento, favorecendo o desenvolvemento de actividades e programas de prevención da violencia machista e de promoción da igualdade así como a incorporación de novos perfís profesionais aos centros.