Mais dunha década de peches progresivos de empresas mariñás é a folla de servizos que deixa o PP na comarca
A Mariña, venres 18 de novembro 2022. O peche de Albo en Celeiro, que desgrazadamente se fai efectivo no día de hoxe, é o último episodio do progresivo desmantelamento ao que as erradas políticas da Xunta e tamén do Estado someten a esta comarca convertíndoa nun deserto industrial. Nun contexto xa nefasto para A Mariña chega o fatal desenlace para a conserveira de Albo en Celeiro, que operaba alí desde 1924, localidade na que chegou a haber ata 12 fábricas de conservas.
Neste caso, evidenciouse unha vez mais a total despreocupación do Partido Popular polos problemas da Mariña, afirmou o deputado Daniel Castro, que no seu día levou ao Parlamento a situación da factoria de Celeiro e das súas traballadoras, instando á Xunta a facer os trámites necesarios para que os postos de traballo se mantiveran en Celeiro. Castro afirmou tamén que “xa advertimos cando se tratou a nosa iniciativa no Parlamento do nulo compromiso do PP coa comarca e coas traballadoras de Albo, coas que o presidente da Xunta non se dignou a reunirse e ningún deputado mariñao do PP quixo intervir no debate da iniciativa, co cal queda claro que quen cala, otorga”.
O deputado mariñao afirmou tamén que o PP nesta comarca non está nin se lle espera, “pois desde o Bng levamos anos insistindo na necesidade dun plan de industrialización e emprego para A Mariña, pero está claro que eso non está dentro das súas prioridades”
Tal como apuntaban tamén as propias traballadoras, as infraestruturas e comunicacións na comarca condicionan a implantación de novas empresas, e a marcha doutras, coma neste caso. Neste sentido o responsable comarcal do BNG Antonio Veiga recordou o como a A-74 Barreiros-San Cibrao e a VAP Costa Norte San Cibrao – Ferrol siguen esquecidas nos orzamentos para o 2023, tanto no caso do Estado coma no da Xunta, eternizándose a súa execución. “Sen industria non hai futuro, e sen infraestruturas e boas comunicacións é imposible asentar industrias na comarca”, afirmou, recordando tamén que xustamente no día de ontes cumpríuse un ano da Folga Xeral e da gran manifestación que baixo o lema de Futuro para A Mariña percorreu as rúas de Burela e un ano despois os gobernos da Xunta e do Estado siguen incumprindo as súas promesas e facendo caso omiso das reivindicacións que a sociedade mariñá planteou hai agora un ano naquela masiva manifestación.