Viveiro, 9 de novembro, 2022. As numerosas insistencias do BNG e da veciñanza da Misericordia dan os seus froitos e a alcaldesa atopa, por arte de maxia e no mesmo pleno que interveu a veciñanza da Misericordia, un vial municipal que solucionaría o seu problema.
Trátase dun vial en titularidade do Concello de Viveiro que segundo dixo María Loureiro, descoñecían. “Que casualidade que en 20 anos non se soubera nada dese vial e xusto agora que intervén a veciñanza no pleno, aparece”, ironiza a voceira do BNG, Míriam Bermúdez, quen afirma que “é unha mágoa que non fose antes pola falta de transparencia desta alcaldía, pero á vez é moi bonito e gratificante axudar á veciñanza con esta xusta reivindicación”.
Míriam prosegue dicindo que “aínda así, María Loureiro enviou un escrito dando unha información que algún medio de comunicación transmiteu como veraz, mais non o é. A alcaldesa non aprobou a intervención da veciñanza, foi a propia veciñanza quen recolleu as sinaturas para poder intervir no pleno con todos os dereitos; como tampouco é verdade que se pedise desde o Concello unha modificación das normas subsidiarias e que a Xunta a denegase, pois o Concello non a solicitou en ningún momento”.
Veciñanza da Misericordia e Míriam Bermúdez, propuxeron desde o primeiro momento “solicitar unha modificación puntual das normas ubanísticas que permitiría a creación dun novo acceso que uniría esta zona da Misericordia coa rúa Cantarrana, referíndose en todo momento en que no pleno do 9 de xullo de 2009, aprobouse solicitar unha serie de modificacións nas normas que permitirían unha maior capacidade construtiva. Esa proposta do pleno elaborada polo técnico municipal, aprobouse por unanimidade e foi traslada á Xunta de Galiza quen en apenas 1 ano a facía efectiva polo que se modificaba a ordenación provisionalmente.”
Bernardo Fraga e María Loureiro pactan argumentario outra vez
A modificación das normas subsidiarias volve mostrar o plumeiro do co-goberno de María Loureiro e Bernardo Fraga, que uniron forzas unha vez máis para convencer da idea de que a modificación puntual das normas urbanísticas era algo “inviable”, segundo eles.
A pesares de rebatirlles este fraco argumento con datos e exemplos, o co-goberno PSOE-PorViveiro continuaron durante toda a sesión plenaria insistindo en que era algo “imposible” sen dar a máis mínima explicación, sen preguntar aos técnicos municipais e sen referirse nunca á Xunta de Galiza que é quen teria a última palabra. Tanto é así, que mesmo o confirmou máis tarde e neste mesmo pleno María Loureiro, afirmando que nunca solicitaran á Xunta de Galiza dita modificación das normas urbanísticas para a Misericordia, polo que tampouco puido a Xunta denegar dita solicitude.