Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acada o compromiso do Partido popular para elaborar un plan de choque co fin de reducir as listas de espera na sanidade pública e usar todos os recursos para non derivar doentes á sanidade privada

Iria Carreira tamén defendía na iniciativa facer públicas as listas de espera do Sergas, estruturais e non estruturais, e incluír ás persoas doentes eliminadas pero o PP vetou estas dúas propostas

Santiago de Compostela, 30 de novembro, 2022. A portavoz de Sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira acadou o compromiso do goberno para elaborar e poñer en marcha “un plan de choque” coa necesaria dotación económica para reducir as listas de espera na sanidade pública e “ter operativos todos os recursos” dos que dispón o SERGAS, (camas, quirófanos, etc.,) co fin de parar a derivación de doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñibles para ser utilizados nos centros públicos.

A proposta defendida pola nacionalista tamén incluía “facer pública a totalidade das listas de espera do Sergas, tanto estruturais como non estruturais, e reincorporar ás persoas doentes eliminadas das mesmas”, pero o Partido popular vetou esta parte da iniciativa defendida pola deputada nacionalista.

Na súa intervención, Iria Carreira insistiu en que “o que máis lle gusta ao goberno é a falta de información” como evidencia a ausencia de datos sobre as listas de espera. “Non se están a citar a todas as pacientes a pesar de ter o dereito de saír do seu centro de saúde ou centro hospitalario cunha cita que confirme cando serán atendidas” e teñen que estar pendentes dun “xa a chamaremos”. O goberno, reiterou a deputada “non está garantindo este dereito”.

Por outra banda anunciou que o BNG continuará presentando iniciativas cos datos máis actualizados aos que teña acceso e para iso, dixo, agardamos que esta información sexa pública.

Tras a intervención da portavoz popular, María Encarga Amigo Díaz sobre a influencia da pandemia á hora de elaborar os datos relativos ás listas de espera, a parlamentaria do BNG, replicou que ninguén pode negar esta circunstancia e naquel momento xa advertimos que a COVID tiña unha grande repercusión sobre as listas de espera e que era preciso actuar para que estas non chegaran a situación límite que estamos vivindo. Mentres nós alertabamos do que podía acontecer, dixo o goberno continuou facendo “ouvidos xordos”.

Asemade, Carreira criticou a sangría de pacientes da sanidade pública á sanidade concertada e explicou que o modus operandi é sempre o mesmo, unha paciente que agarda por unha operación cirúrxica durante meses recibe unha chamada do Sergas para ser preguntada se acepta ser derivada a un centro concertado. Isto, recalcou, prodúcese de maneira sistemática para operacións que se realizan na súa maioría en centros concertados.

A deputada aceptou que existe unha certa tendencia positiva a pesar de que faltan as listas de espera non estruturais e pacientes que non contan cunha data asignada pero destacou que se produciu un “importante incremento” nas probas diagnósticas con máis de 1.000 pacientes agardando máis dun ano por unha proba sobre todo ecografías ou resonancias. Sobre esta cuestión, trasladou á portavoz de sanidade do PP a necesidade de implementar medidas para recortar os tempos de espera para este tipo de probas médicas.

Finalmente, a deputada do BNG volveu a pedir “un cambio de rumbo” nas políticas para as listas de espera e actuar sen dilación para reducilas definitivamente.

Exit mobile version