Ribadeo, 16 de novembro de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, valora de xeito positivo a inadmisión a trámite por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do recurso de casación presentado polo concesionario do Faro sobre o uso e acceso á Illa Pancha. Barcia subliña que agora está ben clariño: é libre para todas e todas.
O rexedor lembrou que “hai poucos meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolveu de xeito claro que o acceso á Illa Pancha debía ser libre e público con independencia da xestión que poida facer a actividade privada, que nunha pequena parte da illa concesionou o Estado a través da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao”.
Suárez Barcia dixo que “con isto quedaba resolta calquera outra interpretación xurídica ao tempo que confirmaba a actuación administrativa levada a cabo polo Concello de Ribadeo en todo este proceso”.
O alcalde ribadense manifestou que “lamentablemente, vimos que a aplicación das sentenzas non eran todo o inmediatas que deberan ser posto que durante un tempo seguiuse a incumprir por parte do concesionario coa pasividade da administración titular da Illa, A Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, o que obrigou ao Concello a impoñer sendas multas coercitivas ao titular da actividade privativa e finalmente un requirimento de non argallar máis para incumprir as normas ou o Concello veríase na necesidade de executar as accións subsidiarias pertinentes para garantir o acceso público”.
Fernando Suárez contou que “o concesionario apelou esta sentenza e agora vimos de saber hoxe que o Tribunal desestima completamente ese recurso, e aínda por riba, o condena en costas”.
O rexedor subliñou que “desde o Concello de Ribadeo, celebramos que dunha vez por todas quede ben clariño para todos: particulares, institucións, concesionarios, etc, que o uso e o acceso é libre. Xa vemos que a Autoridade Portuaria, titular da Illa, foi tomando as medidas necesarias para que nunca máis teñamos que perder o tempo en andar xogando ao gato e ao rato. Alegrámonos e valorámolo positivamente”.
E engadiu que “desde o Concello de Ribadeo manifestamos, como sempre o temos dito, que nada temos que obxectar ás actividades que o Estado poida concesionar nesta illa, apartamentos turísticos ou unha cafetería, como de feito o fai noutros espazos públicos da súa titularidade no resto do litoral, pero queremos que o resto de cidadanía poida ir, pasear, pescar ou facer o que lle pete, dentro dos dereitos e deberes que calquera persoa poida que facer no resto do litoral”.