Felicitou ao alcalde e os veciños e veciñas da Fonsagrada por acadar este investimento, que dinamizará a vida cultural do Concello e ampliará a súa oferta turística
José Miñones felicitou ao alcalde da Fonsagrada, Carlos López, e ao conxunto dos veciños e veciñas por esta subvención, coa que A Fonsagrada gaña un novo espazo para a dinamización cultural do Concello e ademais, ampliará a oferta turística do municipio. O delegado avanzou que o edificio albergará non só a nova Oficina de Turismo senón tamén o futuro Museo de Antonio Fraguas, Forges, co que A Fonsagrada recoñece a este artista gráfico tan vencellado á localidade.
Este investimento enmárcase no PIREP Local, o programa de axudas que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) puxo en marcha para apoiar a entidades locais na rehabilitación de edificios públicos da súa titularidade. José Miñones puxo este programa como exemplo da aposta do Goberno de Pedro Sánchez polo municipalismo financiando a creación e prestación de servizos públicos locais. “Hoxe temos aquí un dos exemplos máis recentes da colaboración do Goberno cos municipios galegos. Falamos de proxectos que supoñen un antes e un despois para os servizos públicos que dan os concellos de España e de Galicia. Este é o caso da Fonsagrada, e é o caso do resto dos 34 proxectos que imos financiar con máis de 27 millóns de euros en Galicia, sete deles nesta provincia de Lugo”, destacou Miñones.
Así mesmo, José Miñones subliñou a importancia destes investimentos para os concellos pequenos e destacou o caso da provincia de Lugo, onde que “seis dos sete proxectos que imos financiar con este programa son de concellos de menos de 5.000 habitantes”. En total, na provincia de Lugo financiaranse actuacións en sete concellos cunha aportación conxunta de case 3,3 millóns de euros. “Falamos de proxectos nos que ten un peso moi importante a sostibilidade ambiental pois un dos obxectivos do Programa é promover edificios públicos máis eficientes enerxéticamente xunto coa accesibilidade e a cualidade arquitectónica”, apuntou o delegado.
Internet de alta velocidade co Programa Único Banda Ancha
José Miñones avanzou que A Fonsagrada está incluída nas dúas convocatorias -2021 e 2022- do Programa UNICO Banda Ancha para a dotación de internet de alta velocidade que xestiona o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e que tamén forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O Goberno financia con este programa ata o 90% dos custos (tecnolóxicos, obras, permisos, etc.) nos que incorren as empresas tecnolóxicas para levar a conexión de alta velocidade (superior a 300mb) a zonas sen cobertura. Entre as dúas convocatorias do Programa ÚNICO, o Goberno posibilitará a conexión de alta velocidade de 2.829 vivendas e empresas da Fonsagrada.
“Estamos a falar de garantir a conectividade máis de 300 megas á práctica totalidade do territorio deste municipio, en 744 zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, esencial no mundo actual”, salientou Miñones.
O Ministerio de Asuntos Económicos adxudicou provisionalmente a execución dos proxectos na provincia de Lugo desta segunda convocatoria á empresa Adamo. O Ministerio achegará 12,3 millóns de euros do total de 17,5 millóns que costa a totalidade do proxecto e que levará a banda ancha de alta velocidade a 32.670 vivendas e empresas da provincia.