O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vén de conceder 13 axudas a entidades locais para levar a cabo proxectos innovadores de transformación territorial que propicien a reactivación social e económica en concellos do reto demográfico
O delegado, acompañado da alcaldesa de Trabada, Mayra García, visitou a escola unitaria de Vilapercide, onde o Concello desenvolverá parte do programa “Quédate en Trabada”, que financia o Miteco con 142.184 euros, unha iniciativa que busca implementar políticas públicas que integren novos servizos e oportunidades laborais, fixando novos habitantes no municipio, co obxectivo de mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas da vila. “Hoxe temos aquí un dos exemplos máis recentes da colaboración do Goberno cos municipios galegos. Son proxectos que supoñen un antes e un despois para a veciñanza dos pequenos concellos. Este é o caso de Trabada, e é o caso do resto dos 13 proxectos que imos financiar en Galicia, tres deles nesta provincia de Lugo”, avanzou José Miñones que subliñou que “Galicia está chea de talento e oportunidades capaces de reincorporar ao medio rural, transformándoo e traballando nunha recuperación verde, dixital, inclusiva e sen brechas de xénero, en liña cos eixos do Plan de Recuperación”.
O delegado sinalou que o Goberno pon en marcha este programa de axudas para ofrecer ás persoas que viven no rural “os servizos e atención que merecen, servizos de calidade para poder seguir vivindo nas súas casas. Porque Galicia non pode permitirse vivir sen contar cos seus pobos”. Grazas a esta axuda o Concello de Trabada creará un servizo de atención domiciliaria dirixido ás persoas maiores do municipio, ofrecerá vivenda ás persoas traballadoras e realizará actividades orientadas a romper a fenda dixital e dinamizar a vida na vila.
“O futuro dos concellos do rural pasa por aplicar emprendemento e innovación á súa actividade económica para achegar novo investimento e convertelos nun polo de atracción e retención de poboación. Por iso, dende o Goberno apoiamos proxectos como o de Trabada, que son un verdadeiro exemplo da importancia de situar ás persoas no centro das políticas públicas”, subliñou Miñones. Durante o encontro, o delegado explicou que sete dos trece proxectos que financia o Miteco en Galicia son de concellos de menos de 4.000 habitantes, “unha boa mostra da implicación do Goberno cos concellos denominados do Reto Demográfico”.
Así mesmo, afirmou que este programa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico demostra a aposta do Goberno polo municipalismo e a continua colaboración cos concellos, “porque entendemos que o reto demográfico é un desafío de todos”.
Internet de banda ancha en Trabada
José Miñones exemplificou tamén esa cooperación coa dotación de internet de alta velocidade de máis de 1.000 vivendas e empresas de Trabada, a través do Programa estatal ÚNICO Banda Ancha. “Estamos a falar de garantir a conectividade de máis de 300 megas á práctica totalidade do territorio deste municipio, en 198 zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura”, salientou Miñones.
Datos por provincias
Dentro destas axudas do Plan de Recuperación para proxectos de Reto Demográfico, Ourense recibe 986.747 euros para financiar 6 proxectos, 5 deles para concellos pequenos (A Veiga, O Irixo, San Xoán de Río, Parada de Sil e Carballeda de Avia), ademáis dun impulsado polo INORDE, dependente da Deputación de Ourense.
En Pontevedra, a inxección alcanza os 835.465 euros para 4 iniciativas do Concello de As Neves, a AECT Río Miño, a Mancomunidade do Salnés e a Deputación de Pontevedra.
En Lugo son un total de 657.317 euros para tres proxectos de Trabada, a Deputación de Lugo e a Fegamp, esta última cunha iniciativa que se desenvolverá na montaña lucense.