Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez destaca na xornada sobre seguridade da UNED o compromiso do Goberno na loita contra a ciberdelincuencia

A subdelegada do Goberno advertiu que a ciberdelincuencia é un dos maiores retos aos que se enfronta a sociedade en materia de seguridade, “pois 1 de 4 delitos que se cometen en Galicia son ciberdelitos”

Lugo, 10 de novembro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, advertiu que a ciberdelincuencia “é un dos maiores retos aos que temos que enfrontarnos, hoxe en día, como sociedade en materia de seguridade, pois 1 de cada 4 delitos que se cometen en Galicia son ciberdelitos”. Así o salientou durante a celebración este xoves das Xornadas de Seguridade Pública, que organiza o centro asociado á Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Lugo, e na que tamén participaron o deputado provincial, Pablo Rivera, a directora do centro, Ana Traseira, e o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Ramón Gómez, quen impartiu a conferencia “A importancia da colaboración internacional policial na solución de conflitos”.

Durante a súa intervención, a subdelegada lembrou que desde o 2021 España conta cun Plan Estratéxico contra a Cibercriminalidade, impulsado polo Ministerio de Defensa, que ten como obxectivo potenciar as capacidades dos Corpos e Forzas de Seguridade para combater esta modalidade delituosa, dotando ao departamento dos recursos necesarios para facer fronte á ciberdelincuencia en cinco áreas: detección, prevención, protección, resposta e persecución, así como a adecuada atención ás vítimas.

Así mesmo, Isabel Rodríguez sinalou que a ciberdelincuancia é un dos delitos en constante aumento que motivou o incremento do patrullaxe dixital, por parte da Policía Nacional e da Garda Civil, para previr e responder a esas condutas. “Dende o Goberno apostamos pola modernización constante para contar coas ferramentas tecnolóxicas necesarias que permitan perseguir os delitos vinculados ás tecnoloxías da información e comunicacións no noso país”, subliñou a subdelegada que exemplificou o compromiso do Executivo para loitar contra esta nova delincuencia tecnolóxica coa creación, hai un ano, dos equipos arroba da garda civil.

Nesta liña, Rodríguez sinalou a importancia das relacións e cooperación internacional, nun mundo hiperconectado, para garantir unha rápida resposta, dado o carácter transfronteirizo da ciberdelincuencia. Así, puxo de exemplo que unha vítima do cibercrimen pode estar en España, pero é enganada por un delincuente situado noutro país a través dun portal web doutro territorio.

A subdelegada agradeceu ao comisario principal a súa visita ao centro universitario de Lugo para trasladar á sociedade o fundamental servizo que desenvolve a Policía Nacional na protección das liberdades dos veciños e veciñas. Indicou, tamén, que a seguridade é un piar básico para vivir en democracia e destacou que os niveis dos que goza a comunidade están garantidos polo traballo encomiable da Policía en Galicia.

Por último, Isabel Rodríguez, que felicitou á UNED de Lugo pola iniciativa de organizar estas xornadas abertas aos cidadáns, considerou fundamental que tanto os veciños como as empresas e os organismos públicos estean preparados para facer fronte ao perigo que supón o uso indebido dos datos ou dos ataques a sistemas informáticos que non estean debidamente protexidos.

Exit mobile version