Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez destaca as medidas levadas a cabo polo Goberno para facer fronte á violencia económica de xénero, na xornada organizada pola Subdelegación

Informou que 100 mulleres vítimas de violencia de xénero da provincia benefícianse da Renda Activa de Inserción, unha axuda de 430€ ao mes; e 7 mulleres teñen un novo traballo grazas ás bonificacións do Goberno

Lugo, 28 de novembro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe as medidas levadas a cabo polo Goberno para facer fronte á violencia económica de xénero que sofren as mulleres vítimas de violencia de xénero. Fíxoo na inauguración da xornada “Violencia económica sobre la mujer: Impago de pensiones”, organizada pola Subdelegación do Goberno en Lugo con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A conferencia contou coa participación da maxistrada titular do Xulgado nº2 de Lugo, Sandra Piñeiro Vilas, e a psicóloga sanitaria e forense Raquel Lombao Fernández, e estivo dirixida a persoal dos servizos sociais dos concellos, dos centros de información da muller e das asociacións que traballan con mulleres vítimas de violencia de xénero.

A subdelegada sinalou que a violencia de xénero non só é física. Tamén é psicolóxica e económica. “Ás veces a violencia machista non remata cando a muller se separa da súa ex-parella. Estes abusos poden seguir continuando, especialmente se teñen fillos. Unha violencia, por tanto, que non se ve, pero que doe igual”, advertiu.

Así, explicou que cando se fala de violencia económica se está a falar do non pagamento das pensións, das cotas hipotecarias, de poñer impedimentos para que a muller traballe ou o control das súas contas bancarias por parte dos maltratadores. “Un tipo de violencia psicolóxica que por desgraza sofren moitas mulleres e que limita a súa liberdade”, lamentou Rodríguez.

Neste ámbito, a subdelegada puxo en valor que o Goberno estea a estudar as fórmulas para que a violencia económica, e especialmente a falta de pagamento das pensións, sexa tipificada como unha modalidade de violencia de xénero no Código Penal. “Porque a lei merece ser actualizada e adaptada ás novas formas de violencias que se exercen contra as mulleres”, engadiu.

Así mesmo, detallou medidas deseñadas polo Goberno para facer fronte á violencia económica como a Renda Activa de Inserción, unha axuda de 430 euros mensuais, da que se benefician 100 mulleres na provincia de Lugo. Ademais, o Executivo ofrece bonificacións ás empresas que contraten a mulleres vítimas de violencia de xénero, o que permitiu que este ano 7 persoas tiveran un novo emprego na provincia.

Durante a súa intervención, a subdelegada lembrou que foi este Goberno o que devolveu aos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, as competencias en materia de igualdade e de violencia de xénero, acompañada da transferencia de recursos económicos para que poidan desenvolver políticas que protexan ás mulleres. Nesta liña, o Executivo achegou 237.000 euros, procedentes do Pacto de Estado, aos municipios lucenses que permitiu intensificar as actuacións contra a violencia de xénero e seguir prestando uns servizos fundamentais de información, concienciación e protección das vítimas na provincia.

“E o facemos porque o Goberno de España sitúa o combate por atallar a violencia machista e a loita pola igualdade no centro de todas as políticas. O facemos con toda convicción e firmeza, porque este Goberno sempre estivo ao lado das mulleres, da loita feminista e pelexando contra os maltratadores”, salientou Isabel Rodríguez.

Finalmente, a subdelegada agradeceu o traballo das Unidades de Violencia de Xénero da Delegación e Subdelegación do Goberno en Lugo e o interese das dúas especialistas en participar na xornada, “que axuda a visibilizar a magnitude da violencia económica para previla, pois é un problema que temos que erradicar entre todas e todos”,

As poñentes
A xornada correu a cargo da maxistrada titular do Xulgado Nº2 de Lugo, Sandra Piñeiro, e a psicóloga sanitaria e forense da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Raquel Lombao que falaron sobre a violencia de xénero abordando, entre outros, temas relativos á violencia económica e patrimonial, os tipos de resposta do ordenamento xurídico nacional e internacional, e os efectos sobre a saúde mental das vítimas e das familias.

Sandra Piñeiro forma parte desde 2022 do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, designada polo Tribunal Superior de Xustiza. Antes da súa chegada a Lugo, estivo 5 anos como xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº1 de Marín. Conta con varias publicacións e imparte numerosos cursos a compañeiros e compañeiras da carreira xudicial, ademais de ser profesora dende 2019 na UNED de Lugo.

Pola súa parte, Raquel Lombao ten a súa actividade no ámbito da Psicoloxía Clínica e Forense nun despacho profesional. Colabora para numerosos colectivos como a Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, a Asociación Rioplatense, Auxilia Lugo e Aspace Lugo, cos que desenvolve programas dirixidos a persoas con dicapacidade física, con parálise cerebral, reclusas ou migrantes, entre outros.

Exit mobile version