Reforzarase a presenza de axentes nas principais vías de comunicación, polígonos industriais, portos e outras zonas de tránsito de mercancías para garantir o dereito a traballar e o subministro de puntos de venda
Lugo, 11 de novembro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, reuniuse esta mañá cos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na provincia para coordinar o dispositivo preventivo que garanta a operatividade das comunicacións, especialmente nos centros loxísticos, con motivo da convocatoria dun paro por parte dunha plataforma minoritaria do sector do transporte. Fíxoo en coordinación coa Delegación do Goberno, tras a reunión do pasado mércores do delegado, José Miñones, cos responsables autonómicos e co resto de subdelegacións en Galicia.
Isabel Rodríguez informou que a Policía Nacional e a Garda Civil reforzarán a presenza de axentes nas principais vías de comunicación da provincia, nos accesos aos polígonos industriais, nos portos de Burela e Celeiro e noutras zonas de relevancia loxística para garantir o dereito daquelas persoas que opten por traballar durante as xornadas que dure o paro.
Deste xeito, o Goberno traballa para dar todas as garantías ao transporte de servizos esenciais nas estradas da provincia de Lugo, asegurando a subministración a puntos de venda, supermercados e áreas comerciais.
Ademais, a Delegación do Goberno en Galicia e a Subdelegación en Lugo manterán permanentemente informados aos sectores afectados e ás organizacións empresariais lucenses.
Na reunión, celebrada este venres na Subdelegación do Goberno, participaron ademais da subdelegada, o comisario principal da Policía Nacional, José María Esteban; o tenente coronel xefe interino da Garda Civil, Carlos Freire; o capitán xefe do Subsector de Tráfico, José Miguel Martínez; o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez; o intendente xefe da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro; e o vicesecretario da Subdelegación, Luis Torres.