Coa obra da Pampillosa Costas destina preto de 1,5M€ en Foz, pois ten en marcha os proxectos para a dotación dunha senda peonil entre as praias de Peizás e A Pampillosa e novas actuacións na praia de Llas
Foz, 29 de novembro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, supervisou hoxe no Concello de Foz os traballos de conservación e mantemento que está a realizar o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na praia da Pampillosa, na parroquia de Fazouro. Acompañada do alcalde de Foz, Francisco Cajoto, e do xefe provincial do Servizo de Costas, José Miguel Estevan, informou que estas obras contan cun investimento de 80.000 euros e teñen como obxectivo recuperar o sistema dunar desta praia da Mariña.
Isabel Rodríguez destacou que estas novas actuacións confirman o apoio do Executivo Central á posta en valor dos concellos da Mariña. “Trátanse de enclaves fundamentais para o turismo e a economía da nosa provincia, por iso, dende o Goberno estamos a executar melloras nas paraxes naturais da costa co fin de ofrecer o mellor servizo posible e garantir a seguridade aos miles de usuarios e turistas que fan uso das praias da Mariña durante todo o ano”, manifestou a subdelegada.
Neste sentido, Isabel Rodríguez explicou que os traballos consisten na demolición de aproximadamente 2.000m2 dos pavimentos de formigón e a renovación da pasarela de madeira por unha nova que conectará o acceso á praia coa senda existente. Ademais, as obras complétanse coa plantación de especies dunares autóctonas e a instalación de sinalización e paneis divulgativos. Ditos traballos prevese que estean rematados a principios do 2023.
“Estas actuacións demostran o firme compromiso do Goberno por impulsar obras de protección e rexeneración do litoral da provincia de Lugo”, afirmou Rodríguez que subliñou que “con estas melloras atendemos unha demanda dos veciños e veciñas de Foz. A este respecto, a subdelegada quixo destacar a colaboración do alcalde para a culminación de este e outros proxectos co obxectivo de seguir mellorando o municipio mariñán.
Case 1,5M€ en proxectos para a costa de Foz
A subdelegada lembrou que esta obra na praia da Pampillosa non é a única que o Goberno contempla executar no Concello de Foz. Así, informou que o Servizo de Costas ten en marcha o proxecto de obtención de espazos públicos para uso público e a dotación dun sendeiro peonil entre as praias de Peizás e A Pampillosa. Actualmente, está en fase de licitación cun orzamento de 1 millón de euros e prevese a creación dun sendeiro de 1.600m2 que permitirá o peche definitivo do paseo xa existente pola costa, entre a praia dos Fondás, na ría de Foz, e o interior da ría do Ouro. I
Igualmente, o Goberno efectuará diversas melloras na praia de Llas, cun investimento de 400.000 euros. Concretamente, a eliminación de especies exóticas e a restauración con autóctonas, a colocación de paneis informativos e o encanamento do afluente central da praia mediante pilotes de madeira para evitar a erosión. Por outra parte, o proxecto inclúe a execución dunha nova pasarela de madeira na zona central da praia e un aparcamento co fin de mellorar o estacionamento e accesibilidade da mesma.
“En total, destinamos preto de 1,5 millóns de euros para poñer en valor a costa de Foz, traballando de forma constante no coidado e mellora do litoral, ao tempo que xeramos riqueza económica, emprego e prosperidade”, manifestou Rodríguez.