A provincia ten rexistrado 609 casos activos do Sistema Vioxén de protección das vítimas. Destes, hai 6 de risco alto, 94 que son de risco medio, 274 de risco baixo e 235 de risco non apreciado
Lugo, 18 de novembro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou á sociedade lucense a participar nos actos conmemorativos que organizan Delegación e Subdelegación con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A subdelegada manifestou a importancia da implicación por parte de todos os estamentos da sociedade na loita contra a violencia de xénero “porque o machismo é un problema que afecta a todas e todos, polo que debemos estar comprometidos”. Neste senso, afirmou que “unha sociedade decente esixe avanzar cara a unha sociedade segura e libre de violencia de xénero, que garanta unha resposta efectiva ás mulleres e ás súas familias”
Isabel Rodríguez, acompañada da xefa da Unidade de Violencia de Xénero, María Luisa Castro, advertiu sobre a persistencia da violencia exercida sobre a muller logo de colocar no balcón da fachada principal da Subdelegación unha pancarta conmemorativa do 25N. Este acto é o primeiro da programación de actividades organizadas polo Goberno para as vindeiras semanas.
Deste xeito, o próximo 21 de novembro a Delegación do Goberno entregará en Santiago de Compostela os Premios Meninas 2022, que recoñecen a persoas e institucións que incorporaran estratexias, iniciativas ou proxectos para combater a violencia sobre as mulleres e promover a igualdade. Nesta quinta edición o equipo feminino do Burela Fútbol Sala é un dos galardoados.
En canto a programación de actividades en Lugo, a Subdelegación alberga dende o 21 de novembro a exposición “Cuestión de Xénero. Nin raza nin bandeira”, organizada pola asociación AXEL.
Na xornada do 25 de novembro gardarase, diante da Subdelegación, un minuto de silencio por todas as vítimas causadas pola violencia de xénero e farase a lectura dun manifesto conmemorativo en lembranza das mulleres asasinadas pola violencia machista.
Para concluír a programación de actividades, a Subdelegación organiza o 28 de novembro a xornada “Violencia económica sobre la mujer: Impago de pensiones”, que impartiran a maxistrada titular do Xulgado nº2 de Lugo, Sandra Piñeiro Vilas; e a psicóloga sanitaria e forense da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Raquel Lombao Fernández. Esta actividade formativa está dirixida a persoal dos servizos sociais dos concellos da provincia, dos centros de información da muller e das asociacións lucenses que traballan con mulleres vítimas de violencia de xénero.
609 casos activos na provincia
A subdelegada apelou a todas as institucións e veciñanza lucense a traballar unidos na loita contra a violencia machista para erradicar unha lacra que está moi presente na sociedade, como o demostran os 609 casos activos na provincia que ten notificados o Sistema Vioxén de protección das vítimas. A subdelegada detallou que destes non hai casos catalogados de risco extremo, pero si hai 6 de risco alto, 94 que son de risco medio, 274 de risco baixo e 235 de risco non apreciado.