A Administración galega destaca a importancia de buscar aliados para facer unha fronte común contra esta medida adoptada por Bruxelas de xeito unilateral, sen consulta previa ao sector e sen datos científicos que o avalen
A representante do Executivo galego lembrou que Galicia comezou a traballar xa en 2020 na protección do labor dos pescadores galegos unha vez que comprobou que a Estratexia de Biodiversidade impulsada pola Comisión Europea era en exceso medioambientalista ao atribuír á pesca a maioría dos males que afectan aos mares e océanos. Desde entón, mantivo encontros co sector e elaborou informes para avalar a actividade sustentable que realiza a frota e as consecuencias socioeconómicas que terían as restricións en determinadas artes de pesca.
A conselleira incidiu en que, unha vez en vigor o regulamento de execución aprobado polo Executivo comunitario, a única ferramenta da que dispoñen o sector e os estados membros na defensa dos seus intereses é o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Por iso, urxiu ao Goberno central a presentar canto antes o recurso contra o veto á pesca de fondo e solicitar a súa suspensión temporal posto que o día 19 deste mes remata o prazo para poder facelo, en apenas dúas semanas.
Rosa Quintana tamén animou aos armadores a recorrer á vía xudicial de xeito individual e lembrou que a Xunta xa entregou tanto ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación como aos representantes do sector os argumentos recollidos nas últimas semanas por xuristas especializados coa finalidade de que poidan fundamentar os seus recursos. Ese documento tamén foi remitido a outras rexións europeas como a Bretaña francesa ou Pays de Loire.
Nesta liña, a conselleira salientou que a actividade extractiva é unha das máis respectuosas co medio ambiente, cunha baixa pegada de carbono e nula pegada hídrica, ao tempo que subministra alimentos de calidade á cidadanía fundamentais para ter unha alimentación saudable, polo que lamentou a posta en marcha de medidas coma esta que dificultan o desenvolvemento da actividade.
A representante da Xunta, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, subliñou que Galicia aposta tamén pola preservación dos fondos mariños e a protección dos recursos, pero de xeito proporcional, equilibrado e compatible coa actividade pesqueira sustentable que desenvolve a frota galega. Neste sentido, recordou que Bruxelas aprobou o veto de xeito unilateral, sen consulta previa ao sector e sen datos científicos que o xustificasen.
O encontro
A xuntanza de responsables das rexións europeas afectadas pola pesca de fondo celebrouse na sede da Fundación Galicia Europa e nela participaron, ademais do vicepresidente de Mar e Litoral do Consello Rexional da Bretaña francesa, representantes de Pays de Loire (Francia), do País Vasco, Andalucía, do Grupo de Pesca e Acuicultura da Comisión Arco Atlántico e da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas da Unión Europea.
Este encontro dá continuidade aos contactos mantidos nas últimas semanas con outras comunidades autónomas españolas e rexións pesqueiras europeas para facer unha fronte común contra a decisión de Bruxelas de prohibir a pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias, unha medida que afecta a frotas como a de palangre de fondo, a volanta ou o arrastre, con máis de 200 buques galegos afectados de xeito directo.