Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz inicia este mércores unha nova edición do ciclo de charlas médicas

Foz, 7 de novembro de 2022. O Concello de Foz inicia este mércores, día 9, unha nova edición do ciclo de charlas médicas, actividade que foi presentada hoxe, luns, coa participación do alcalde, Fran Cajoto; da concelleira de Sanidade, Katherina Alonso; e da xerente do Hospital Público da Mariña, María José Cortés.

A concelleira de Sanidade, Katherina Alonso Machado, explica que “o Concello de Foz volve apostar por achegar información de saúde á veciñanza coas súas charlas médicas. Coma en anos anteriores, serán no mes de novembro, comezando este mércores 9 falando dun tema de moito interese e que cada ano foi indo en aumento, as alerxias, co título Alerxia no mundo actual: de onde vimos e cara a onde imos. Será impartida polo alergólogo do Hospital Público da Mariña, Nicola Giangrande. A segunda charla terá lugar o día 16, abordando tamén un tema moi actual como e a saúde mental, baixo o título Coidados en saúde mental. Impartirá esta charla a psicóloga da Unidade de Saúde Mental do Hospital Público da Mariña, Melva Lage Castro. A última charla desta edición terá lugar o 23, na que Ana Otero Naveiro, xinecóloga do Hospital Público da Mariña, falará de Muller e saúde”.

A edil de Sanidade convida a asistir a estas charlas, que serán os mércores 9, 16 e 23 deste mes ás 20 horas na Casa da Cultura de Foz e agradece “especialmente ao Hospital Público da Mariña por colaborar ano tras ano para poñer en valor a sanidade no Concello de Foz”.

Exit mobile version