Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez avoga diante da Xunta e do Principado pola necesidade de conservación da ría de Ribadeo e a súa contorna como espazo natural fundamental para os dous territorios

Ribadeo, 28 de novembro de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, fíxolles entrega esta mañá aos presidentes da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias, Alfonso Rueda e Adrián Barbón, dun escrito no que avoga pola necesidade de conservación da Ría de Ribadeo e a súa contorna como espazo natural fundamental para os dous territorios.

No documento o rexedor alude á resolución do Instituto Geográfico Nacional sobre o topónimo da ría: “a Ría de Ribadeo, co seu nome histórico, científico e tradicional, tomo o nome da poboación portuaria máis importante ao longo da historia, ao igual que o fan o resto de rías sexan de Galiza, Asturias, do Atlántico ou do Cantábrico. Por iso estamos moi contrariados pola resolución que adoptou o IGN e que sen dúbida apelaremos para que se faga xustiza, pos Ría e de todos e de todas, pero o seu lexítimo nome foi e é Ría de Ribadeo”.

Suárez Barcia refírese ao saneamento da Ría de Ribadeo: “a calidade sanitaria das augas residuais que verquen na Ría, produto dos asentamentos de poboación nas rúas beiras, segue sen ser a mellor. E de maneira concreta, deben requirir especial atención as que veñen de Asturias”. O rexedor alude ás bacterias coliformes: “estes feitos non son en absoluto beneficiosos para a flora e a fauna da Ría, nin en consecuencia para os habitantes das rúas beiras”.

No escrito entregado aos presidentes asturiano e galego o alcalde de Ribadeo tamén solicita avanzar de xeito decisivo na eliminación de invasoras e plantación de autóctonas “como desde o Concello de Ribadeo levamos anos facendo como auténticos Quixotes nun mundo onde as outras administracións seguen a mirar con desleixo para o outro lado”. Fernando Suárez subliña: “sabemos que a cidadanía o está a valorar positivamente e que continuamente nos anima a completar esta tarefa por toda a nosa ribeira ata o límite do Concello, pero precisamos doutras administracións para avanzar máis axiña”.

O rexedor ribadense fai unha chamada á Xunta, ao Principado e ao Goberno do Estado para axuntar e coordinar esforzos entre administracións: “primeiramente requirimos axuda decidida da Xunta para renovar a vella acometida principal de auga da que nos servimos Ribadeo e Trabada e que pasa polo antigo trazado do tren mineiro. E seguidamente, necesitamos a colaboración entre o Goberno do Estado, a Xunta e o Principado para facer da antiga vía do tren mineiro Ribadeo-Vilaodriz unha das rutas verdes máis importantes do Estado. Unha oportunidade turística, deportiva, socioeconómica de primeiro nivel”.

O escrito de Fernando Suárez conclúe: “se non teñen escusas, e se teñen vontade de levar todo isto adiante, terán en nós e máis leal colaboración e coordinación. Sabemos do que falamos e sabemos o que queremos. Só queremos que vostedes tamén falen, acorden e fagan. As xente de aquí e de acolá hánllelo agradecer”.

Exit mobile version