Site icon Crónica3.com A Mariña

Expomar 2023 será presentada en Madrid o 19 de xaneiro

Burela, 29 de novembro de 2022. A Feira Náutico Pesqueira Expomar 2023 será presentada en Madrid o 19 de xaneiro. Será nun acto na Casa de Galicia no que haberá unha recepción e unha degustación, segundo anunciou esta mañá o alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano.

O rexedor manifestou que “hai unha cuestión agora mesmo que nos preocupa moitísimo, que é a situación da pesca en xeral. Entón nosoutros consideramos que a actividade náutico pesqueira ten que manterse porque ten un peso específico na economía, na sociedade, na cultura, … Polo tanto queremos que esa pesca perdure, de maneira sostible loxicamente, pero ten que ser unha actividade con garantía de supervivencia, de manterse no futuro constantemente para ter unha alimentación sa e da mellor calidade; pescada ademais dunha maneira coidadosa para que chegue a porto cunha calidade total”.

Llano subliñou que “estamos claramente a favor do sector náutico e para o ano que vén o 19 de xaneiro vamos facer unha presentación na Casa de Galicia en Madrid da Feira Náutico Pesqueira Expomar porque queremos darlle a maior repercusión, a maior expresión de información e que sexa visitada e moi difundida, pero pensando sempre na importancia que ten para nós a actividade náutico pesqueira”.

O alcalde e tamén presidente da Fundación Expomar indicou que “este ano que vén vamos ter unha nova edición da Feira Expomar, que vamos ampliar nuns 1.200 metros para que sexa un evento exemplar, no que estea representado o sector da mellor maneira, que sexa atractivo e no que se manifeste o poderío e as gañas de continuar. Vamos facer unha feira acorde con estas demandas e desde logo dándolle importancia ao sector náutico pesqueiro de maneira integral”.

Alfredo Llano engadiu que “a presentación na Casa de Galicia en Madrid farémola o día 19 de xaneiro a partir das sete da tarde. Haberá unha recepción e degustación de peixe, na que se implica a Consellería do Mar e a asociación de armadores ABSA, para que salga perfectamente. Vamos intentar facer un acto que sexa acorde co sentimento de defender e presumir da nosa actividade náutico pesqueira”.

Exit mobile version