Segundo Anxo Martíns, coordinador de Vía Galega na Mariña, coa campaña pretendese “popularizar e divulgar os nosos símbolos nacionais, dando a coñecer a súa historia e o seu significado. En definitiva, de reforzar a nosa identidade colectiva para reclamar os dereitos que como nación a Galiza lle corresponden”.
A bandeira izada recolle o escudo realizado por Castelao, en palabras do seu autor “representativo tanto da nosa historia como da alianza entre as clases traballadoras do país”.
No acto tamén se leron poemas alusivos á nosa bandeira e ao noso país e explicouse o significado do texto do noso himno sen os erros alleos á vontade do creador da súa letra, Eduardo Pondal.
Finalizouse coa lectura dun manifesto, chamando a “defender a nosa cultura, utilizar a nosa lingua, cantar o noso himno e exhibir a nosa bandeira” para contribuír a rematar “coa substitución do propio polo alleo”, e co canto do Himno galego acompañado por unha gaita do país.
Nesta campaña de divulgación dos nosos símbolos nacionais, que se realiza coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, distribúense ademais un caderno sobre a orixe, historia e significado da bandeira e do himno, e unidades USBs coa gravación do himno conforme ao texto orixinal.