Site icon Crónica3.com A Mariña

Esta fin de semana comeza o Camiño Gastronómico do Mar con peixe de Burela

Este domingo 13 de novembro celebrarase a primeira das 4 etapas do “Camiño Gastronómico do Mar 2022”, que organiza a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela coa colaboración da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela

Burela, 9 de novembro, 2022. Esta campaña gastronómica servirá un ano máis para fomentar o consumo de peixe e promocionar o “Camiño do Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.

Nesta edición os participantes percorrerán cada fin de semana unha etapa especial da ruta xacobea e irán percorrendo os oito concellos da costa luguesa polos que pasa o Camiño do Mar, visitando cada domingo dous deles. En total serán catro etapas de aproximadamente 20 km cada unha.

A primeira etapa partirá de Ribadeo este domingo pola mañá e visitará tamén o concello de Barreiros. A data límite para inscribirse na xornada é este xoves na web da asociación. https://www.asocaminodelmar.com/acciones/camino-gastronomico

Como novidade nesta edición, ao final de cada etapa ofrecerase a tódolos participantes unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo de chefs da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrella Galicia. Tras esta primeira etapa, os peregrinos poderán degustar receitas de peixe espada e de raia, en representación das frotas burelesas de altura e de litoral, respectivamente.

Ademais, os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar 2022” poderán selar en cada concello a súa particular “Compostela” e optarán a un premio final, xa que entre todos eles sortearase unha cea para dúas persoas nun dos restaurantes que a Asociación Cociñeiros Lugo ten na Mariña.

Esta campaña conta coa colaboración dos concellos polos que discurre a ruta e de Armadores de Burela, e enmárcase dentro das accións de promoción da OPP-7 incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual, e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.

Exit mobile version