María Loureiro ratificou hoxe nunha reunión en Santiago con Augas de Galicia o compromiso do concello co proxecto, ademais de constatar a demora da Administración autonómica na elaboración e aprobación do mesmo
No encontro, Loureiro e García Porto ratificaron o compromiso total do concello e da Deputación de Lugo co proxecto. De feito, ambas entidades cumpriron coas obrigas económicas que lles corresponden no marco do convenio, que ascenden a un total de 23.000 euros por cada administración.
Ao mesmo tempo, Loureiro e García Porto expresaron a súa preocupación polo retraso de tres anos que acumula a Administración autonómica na redacción e aprobación do proxecto, un procedemento que é responsabilidade da Xunta de Galicia segundo establece o convenio asinado.
Desta forma, unha vez firmado o acordo en xullo do ano 2020, a Consellería de Infraestruturas non formalizou o contrato de servizo para a redacción do proxecto construtivo ata case un ano despois, o 10 de xuño de 2021, e logo solicitou varias ampliacións de prazo.
Na reunión de hoxe, Augas de Galicia pediu unha nova prórroga de seis meses, que a Deputación e o Concello decidiron conceder, “poñendo por riba de todo os dereitos e os intereses” dos veciños e veciñas.
“Agardamos que sexa a última e que antes de que remate o prazo máximo, de 6 meses contados a partir do día 31 de decembro, o proxecto, que segundo nos dixeron hoxe atópase en fase de revisión, estea listo”, afirma Loureiro.
O proxecto contemplará un conxunto de actuacións que pasan, entre outras, polo aumento e naturalización do leito do río, construción dunha pasarela de acceso alternativa, reforzar as cimentacións que foron danadas, ampliación das de dúas pontes, fonte, eliminación de edificios e ruínas pegadas ao leito do río e reubicación do lavadoiro.