Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron os traballos de recuperación do sistema dunar da praia da Pampillosa, en Fazouro

Foz, 5 de novembro de 2022. A petición do Concello de Foz, a Dirección Xeral de Costas, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, iniciou os traballos de recuperación do sistema dunar da Praia da Pampillosa, en Fazouro, con cargo ao contrato de Conservación e Mantemento do Litoral 2022.

As obras proxectadas inclúen a demolición dos pavimentos de formigón e pasarelas de madeira que se atopan deterioradas e inoperativas, a colocación dunha nova pasarela de madeira para conectar o acceso á praia cos baños e coa senda xa existente, a recuperación da zona demolida coa plantación de especies dunares e a rehabilitación do camiño existente e zona de estacionamentos con areón e especies herbáceas.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “a actuación céntrase na rexeneración da área recreativa da Pampillosa, en Fazouro, na que xa estivemos a traballar con medios municipais cando chegamos ao goberno. Desta volta é unha actuación máis ambiciosa, complementaria ao gran proxecto de paseo marítimo entre a propia praia da Pampillosa e a de Peizás, en Forxán, xa adxudicado e tamén financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica. Estamos a traballar e a colaborar con todas as administracións para mellorar as infraestruturas e as zonas de lecer en todo o concello, desta volta cunha nova actuación en Fazouro”.

O rexedor municipal recorda que en anteriores exercicios e a cargo dos contratos de Conservación e Mantemento do Litoral da Dirección Xeral de Costas acondicionouse e recuperouse para as veciñas e veciños a península da Tamaniña, no paseo marítimo entre as praias da Rapadoira e Llas, e que agora se transformou “nun auténtico referente e unha atalaia excepcional sobre o Cantábrico”.

Exit mobile version