O alcalde, Fran Cajoto, anuncia que “Foz prepárase para acoller un Nadal familiar e especial. Por iso dende o Concello trabállase arreo para que todo estea listo para que as próximas datas sexan o máis especiais posibles, sobre todo para os máis pequen@s.
Cremos que o alumeado e a decoración de Nadal son absolutamente necesarios, transmiten ilusión e fantasía nunhas datas familiares que invitan ao reencontro. Somos coherentes coas medidas actuais e o custo da enerxía, polo que decidimos reducir o tempo de acendido e por iso estará en funcionamento entre as 18.30 e ás 23.30 horas, acurtando así o consumo. Todo o alumeado contará con reloxos que realizarán a conexión e desconexión. En canto ás figuras colocadas ao longo do concello, este ano o que máis refulxirá será a árbore de máis de 14 metros que se instalou na Praza Conde de Fontao e dende a que se realizará o acendido. Tamén se poderá facer un percorrido polos distintos photocalls colocados nas prazas de Foz. Gardar un retrato e un recordo de cada lugar pode ser moi bonito”.
O rexedor municipal engade: “non desvelaremos todas as novidades, queremos que a xente veña e pasee por Foz para atopar todos os puntos que teñen decoración. Pero non só teremos máis bonito Foz senón que continuaremos programando actividades culturais e lúdicas para nenos. Ante as obras na Sala Bahía, os lugares de celebración das mesmas deberán cambiar á Casa da Cultura e ao pavillón do Colexio Número 1. Pregamos desculpen as molestias, pero é necesario mellorar un lugar tan utilizado coma a Sala Bahía para que poda continuar prestando o servizo que lle dá a todo Foz”.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “as actividades serán teatrais, de espectáculos, música e xogos. A última semana deste ano e a primeira do 2023 Foz contará con actividades como parque infantil de Nadal, láser tag experience, nerf battle area, obradoiros, … O primeiro evento despois do acendido do alumeado será o festival benéfico organizado pola Escola Municipal de Música Arcadio Mon, que se realizará en favor do banco de alimentos local. Prégase a quen queira aportar o seu gran de área que o faga en forma de alimentos non perecedoiros. Este festival será no salón de actos do colexio Martínez Otero o sábado 3 ás 20.00 horas”.
Inés López Couto engade: “pronto prepararemos todo para a chegada de Papá Noel e os Reis Magos, que os pequenos permanezan atentos porque o alcalde xa lles enviou a invitación e está preparado para recibilos en Foz”.
“Esperemos que a todo o mundo lle agrade a decoración. Non podemos chegar a todas partes, pero o concello segue realizando un esforzo para incorporar novas ubicacións e engalanar a localidade para que á xente veña a pasear e a consumir en Foz, tanto habitantes como visitantes. Animamos a todos os veciños a decorar os seus balcóns ou ventás, como xa se ve dando un paseo en moitos fogares. O único que pedimos é que se coide o mobiliario, xa que é un esforzo de todos que Foz brille como o que é, un lugar único”, remata a concelleira de Cultura.