Este distintivo de calidade diferenciada garante que as producións contan cunha elaboración tradicional e unha presentación coidada, acorde coa súa condición de produtos que pretenden situarse entre os da gama gourmet
Deste xeito, xa son máis dunha trintena de empresas e arredor de 50 persoas artesás que conforman este selo de calidade, promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.
Na súa intervención, o director destacou que, con este distintivo, os produtos poderán diferenciarse no mercado, pois este selo garante que a obtención das producións se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas e aos procesos de elaboración autorizados, ao seu modo de presentación e a como deben ser a rastrexabilidade e o control.
Ademais, lembrou que este selo de calidade diferenciada busca promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade, facilitar a diversificación económica das explotacións agrarias e o incremento do valor engadido das producións locais e mellorar as rendas e fixar poboación nos medios rural e litoral. Tamén fomentar métodos tradicionais de elaboración e desenvolver unha gama de produtos diferenciados de calidade, potenciar circuítos curtos de comercialización que permitan o contacto directo entre as persoas produtoras e as consumidoras e promover a visibilización e a participación activa das mulleres en todas as dimensións da actividade artesanal alimentaria.